Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024.- O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) recolleu esta mañá a Medalla Emilia Pardo Bazán que entrega a Xunta de Galicia aos tres institutos de investigación sanitaria galegos. A directora científica, Mª Luz Couce Pico, foi a encargada de recoller o galardón honorífico no Museo de Belas Artes da Coruña xunto coas directoras do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, en recoñecemento ao seu compromiso, traballo e defensa da igualdade entre xéneros.
Durante o seu discurso, a directora científica quixo agradecer este recoñecemento en representación “do traballo de todo o persoal investigador que nos conforma” e puxo de manifesto a importancia do liderado feminino no ámbito científico e investigador. “No IDIS entendemos que a igualdade non é só un principio ético, senón unha necesidade para o progreso de toda a sociedade; e co fin de conseguilo traballamos para construír un entorno onde se valore e respecte a diversidade”, nas súas palabras. Tamén puxo de manifesto o compromiso do Instituto coa igualdade, “non só como política interna, senón como valor fundamental nas nosas accións”, sinalou Mª Luz Couce.
O xurado do galardón recoñece ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) “por ser un exemplo da incorporación das mulleres ao mundo da ciencia; os tres institutos están dirixidos por mulleres e isto converte a Galicia nun referente neste ámbito”, sinalaron durante a cerimonia. Actualmente, só 10 dos 32 institutos do sector sanitario que están en funcionamento en España atópanse dirixidos por mulleres, “polo que o IDIS constitúe un exemplo de incorporación da perspectiva de xénero á investigación sanitaria”, sinalaron.
O acto estivo presidido pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a Directora Xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; entre outras personalidades. Ademais dos tres institutos de investigación sanitaria de Galicia, as Medallas Emilia Pardo Bazán foron concedidas á Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) e a Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña.
Unha precursora do feminismo
Emilia Pardo Bazán foi precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria. A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico, quixo recoñecer o labor da autora galega polo seu traballo e pensamento que tiveron “un gran impacto na loita pola igualdade entre homes e mulleres, desafiando as convecciones sociais da época e abrindo un camiño para o feminismo”, sinalou.
“A inferioridade do sexo feminino é un feito universal e lamentable, pero temporal; esta frase reflicte a esperanza da escritora en que a situación de inferioridade das mulleres do seu momento non duraría por sempre, sendo algo que se superaría co tempo e o esforzo. Quizais se non fóra por todo o seu empeño, hoxe non estariamos a falar de centros de investigación biomédica punteiros con participación igualitaria entre mulleres e homes e con liderado feminino”, concluíu a directora científica.
O IDIS, eixo da investigación sanitaria
O IDIS consolídase como eixo da investigación sanitaria galega e un dos grandes institutos de investigación biomédica de España acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III desde 2010, que aproveita as sinerxias entre a área sanitaria de Santiago e Barbanza, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela. Durante o seu discurso, a directora científica salientou o enorme poder competitivo do Instituto, que conta con máis de 1300 profesionais integrados en 112 grupos de investigación. “O noso Instituto é unha referencia internacional no seu ámbito, pola crecente captación de recursos e produción científica”, en palabras da Dra. Couce.
Segundo os datos presentados na última memoria anual, o IDIS obtivo unha captación de fondos que supera os 50 millóns de euros (52.309.190€) en actividades de investigación. “Seguimos nun período de crecemento no que pretendemos potenciar a investigación traslacional, fomentando a colaboración entre investigadores para poder levar a cabo unha ciencia excelente e tendo en conta a cooperación; porque somos conscientes de que o éxito nunca pertence a unha soa persoa, é un equipo de profesionais que traballan con ilusión e afán de mellora”, sinalou a directora.
Máis información sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.