Obteñen modelos preditivos altamente precisos para diagnosticar a periodontitis

21 Novembro 2024

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2024.- Un equipo de investigadoras da Universidade de Santiago e do IDIS conseguiu obter modelos preditivos moi precisos para diagnosticar a periodontitis. Fixérono a partir da aplicación de algoritmos de intelixencia artificial na análise dos grandes volumes de datos obtidos dunha secuenciación concreta dos microbiomas da placa dental supragingival, subgingival e a saliva.

A investigación, que representa un importante avance cara a odontoloxía personalizada e de precisión, foi promovida pola coordinadora do grupo de investigación en Ciencias Odontolóxicas (OSRG) da USC e do IDIS, e da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais, a catedrática da USC Inmaculada Tomás. As autoras do estudo son as investigadoras predoctorales Berta Suárez Rodríguez, Alba Sánchez Barco e Iryna Kuz, ademais das doutoras Alba Regueira Iglesias e Triana Blanco Pintos.
O estudo enmárcase nunha das liñas de investigación máis consolidadas con financiamento público do Instituto Carlos III e a Xunta de Galicia e con maior traxectoria do grupo liderado pola profesora Tomás, quen desde hai máis dunha década enfocouse nos obxectivos relacionados coa identificación de biomarcadores bacterianos e moleculares para o diagnóstico de enfermidades orais mediante tecnoloxías ómicas.

Para a investigadora Inmaculada Tomás, os resultados desta investigación “confirman a capacidade do microbioma oral para servir como biomarcador no diagnóstico da periodontitis, unha enfermidade con alta prevalencia e repercusións importantes para a saúde pública”. “Grazas ás ferramentas de intelixencia artificial como os algoritmos de aprendizaxe automática supervisada estamos cada vez máis preto de obter métodos diagnósticos non invasivos e altamente eficaces que melloren a calidade de vida dos pacientes”, engade.
Neste sentido, as investigadoras do OSRG, Alba Regueira e Berta Suárez, apuntan que están a ampliar o seu foco de maneira que agora “estamos a avaliar tamén o potencial do microbioma oral como ferramenta preditiva para diagnosticar outras enfermidades orais moi relevantes no noso campo como a carie e a periimplantitis. “E os resultados que obtivemos ata o momento son moi prometedores”, explica Regueira.

Investigación premiada
A investigación, titulada Microbioma oral e aprendizaxe automática: un enfoque innovador para o diagnóstico de precisión da periodontite, foi presentada por Berta Suárez no Congreso da Sociedade Española de Epidemioloxía e Saúde Pública Oral (SESPO) 2024, onde alcanzou o premio á Mellor Comunicación Oral. Este recoñecemento únese aos recentes galardóns obtidos polo grupo como o Premio ICARUS 2023, os Premios Gaceta Dental 2023 e 2024 ou o InnovaIDIS 2024, o que reafirma o compromiso do OSRG na innovación e excelencia na investigación científica odontolóxica, consolidando o seu liderado no campo da metahenómica clínica aplicada á saúde bucodental.

Más información sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias