Presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde de Galicia dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda

28 Xuño 2024

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024.- O desenvolvemento de ferramentas para diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas ou dirixidas en medicina personalizada é o obxectivo principal do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) en Galicia, que lidera a Fundación Kaertor. Trátase dun conxunto de iniciativas agrupadas en seis grandes liñas de actuación, promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda, e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

As tres universidades galegas de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo (USC, UDC e UVigo) e os tres institutos de investigación sanitarios (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela -IDIS-, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, -INIBIC- e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur –IISGS-) participan como socios, no Plan con 15 proxectos disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e Intelixencia Artificial (IA).

Os proxectos presentados por investigadores do IDIS foron tres: Jesús Mateos (INMUNOMACS-PROL), Ramón Iglesias (Proxecto TromboImagen) e José Victor Álvarez (Proxecto ML-II_Vectores ARNm). O programa en Galicia ten un orzamento é de 3 millóns de euros, dos cales 1.950.000 proveñen do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e 1.050.000 son da Xunta de Galicia.

Proxectos con selo galego

A finalidade dos diferentes proxectos con “selo galego” e vocación colaborativa interterritorial, é incrementar o coñecemento mediante a identificación e validación de novos mecanismos para curar, o desenvolvemento de modelos de estudo in vitro e a optimización de ferramentas informáticas e de intelixencia artificial para o desenvolvemento de fármacos. Isto inclúe novos fármacos personalizados e dirixidos para unha medicina de precisión. Coordínanse coa metodoloxía de aceleración no descubrimento de fármacos a Fundación Kaertor, para “desfragmentar” as capacidades investigadoras de Galicia no ámbito, conectando en cada proxecto a ciencia das universidades e dos institutos sanitarios

 

Cribado de fármacos para identificación de novas dianas e desenvolvemento de medicamentos personalizados

 

O Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) en Galicia inclúe seis grandes liñas de actuación dirixidas a cubrir diferentes enfoques en medicina personalizada. Mabel Louza, a coordinadora do programa para Galicia, tamén lidera, para o conxunto de España, a liña 3 sobre “Plataforma de cribado de fármacos e análises interaccións fármaco-diana”.

Esta liña contribúe á identificación de novas dianas terapéuticas e ao desenvolvemento de fármacos específicos personalizados que maximicen o seu potencial terapéutico minimizando os efectos adversos. Tamén é de especial atención neste programa a reutilización de fármacos para outras indicacións terapéuticas (reposicionamiento de fármacos).

Os proxectos colaborativos foron expostos en catro mesas redondas durante o evento: 1. Plataforma de cribado de fármacos e análises de interaccións fármaco-diana e desenvolvemento de modelos biolóxicos para cribado e estudo da actividade de moléculas terapéuticas. 2. Desenvolvemento de nanofármacos, biodistribución, toxicidade e accións terapéuticas en modelos de patoloxía. 3. Implementación e análise de bases de datos en medicina de precisión. 4. Técnicas e procesos para terapias avanzadas e dirixidas, formación cirúrxica e robótica médica.

Quimioteca pública en España, unha realidade?

A xornada de presentación serviu ademais para presentar o piloto para a construción dunha quimioteca pública en España grazas a unha acción conxunta entre a iniciativa PCBAS e a Rede Estratéxica “Sinerxias en descubrimento temperán de fármacos en España”, É-OPENSCREEN. Coordinada por Mabel Louza, participan os representantes da A3 de todas as CCAA do PCBAS, os catro representantes dos nodos españois de EU-OPENSCREEN, o coordinador da quimioteca do CSIC, e representantes de EU-VOS de Portugal.

A quimioteca ou librería química é unha colección de compostos de orixe química ou illadas de extractos naturais, almacenadas, catalogadas e caracterizadas segundo a súa estrutura e parámetros de actividade. Con mostras cunha rastrexabilidade total, tanto da procedencia como dos usos posteriores nos diferentes ensaios farmacolóxicos e serven para marcar a pegada química nos procesos celulares na saúde e a enfermidade. Permite fomentar a colaboración científica entre grupos de investigación e empresas dos diferentes ámbitos, axilizando o proceso o descubrimento de novos fármacos.

Fundación Kaertor, o mellor aliado en descubrimento de fármacos

A misión da Fundación Kaertor é xerar, promover e executar programas de descubrimento de medicamentos e a economía social e produtiva deste sector. Pioneira en innovación aberta e codesarrollo público-privado en Galicia, dirixe as súas actividades á transferencia recíproca de resultados de investigación no contexto actual da innovación aberta no descubrimento de fármacos. É unha iniciativa global que dá continuidade aos resultados do proxecto Innopharma da USC e á súa sustentabilidade, e está liderada polos coordinadores da Plataforma Innopharma Ángel Carracedo e Mabel Louza.

Más noticias