José Luis Labandeira García
Líder da área A004 - Neurociencias. Investigador líder do grupo C018 - Neuroloxía Experimental da Enfermidade de Parkinson
Profesor de Anatomía e Embrioloxía Humanas no Departamento de Ciencias Morfolóxicas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Subdirector do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, parte da Rede CIGUS e recoñecido como Centro de Excelencia María de Maeztu.
É licenciado e doutor en Medicina pola USC. Completou a súa residencia en Neuroloxía Clínica no Hospital Universitario da Coruña. Realizou formación posdoutoral en Enfermidades Neurodexenerativas na Universidade de Lund (Suecia).
Recibiu o Premio de Licenciatura da Real Academia Nacional de Medicina. Foi membro da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia; membro da Comisión de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia; Coordinador de Infraestruturas de Investigación da USC; Subdirector do Centro de Posgrao da USC; membro do Consello de Goberno do IDIS; e membro da Xunta Directiva da Sociedade Española de Terapia Celular. Membro da Xunta Directiva da Sociedade Española de Terapia Xénica e Celular; membro de varios Comités de Avaliación da Investigación; editor asociado de varias revistas de Neurociencia.