O equipo FarmaCHUSLab, en colaboración con VARPA Group da UDC, lidera PK-PDrugs, unha plataforma dirixida á posoloxía personalizada de fármacos.
O grupo GrHeCo-Xen desenvolve un proxecto de intelixencia artificial que facilita a toma de decisións dos profesionais sanitarios no diagnóstico e manexo de casos complexos.
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025.- Os Premios Ennova Health 2025 distinguiron a dous proxectos do IDIS polo seu destacado impulso á innovación no ámbito da dixitalización sanitaria. Nesta quinta edición dos galardóns, a plataforma PK-PDrugs, do equipo FarmaCHUSLab, e o proxecto Código Rojo, desenvolto polo grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica (GrHeCo-Xen) do IDIS, foron recoñecidos na categoría de Transformación Dixital.
Impulsada polo grupo FarmaCHUSLab do IDIS en colaboración co grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da UDC, a plataforma PK-PDrugs atópase dirixida á posoloxía personalizada de fármacos. Este proxecto xorde como resposta á crecente necesidade e demanda dun enfoque máis personalizado e preciso do tratamento farmacolóxico e incorpora modelos estatísticos avanzados que permiten incrementar significativamente a precisión nas doses de medicamentos, ofrecendo novos parámetros de seguridade e eficacia, que cobran especial relevancia no caso de enfermidades como as neurolóxicas ou psiquiátricas.
A través desta plataforma é posible axustarse á variabilidade de cada paciente, integrando de maneira efectiva os seus datos persoais para ofrecer os tratamentos a medida. Grazas á súa accesibilidade, permite consultar información clave de farmacocinética (disciplina que estuda o modo no que os fármacos interactúan co corpo humano) en calquera momento e desde calquera localización, o que establece unha nova paradigma na xestión da medicación.
“Esta ferramenta non só permite mellorar os resultados con tratamentos máis precisos e adaptados, senón que tamén ten un impacto máis amplo ao abordar posibles deficiencias dos sistemas de saúde e ao facilitar unha atención máis personalizada, de maior precisión e inclusiva; melloras que fortalecen a sustentabilidade e a eficacia do sistema de saúde”, sinalan os investigadores do proxecto galardoado.
Intelixencia artificial e experiencia clínica
O premio Ennova Health 2025 na categoría de IA e Xestión do Dato foi outorgado ao proxecto Código Rojo, liderado polo doutor Adrián Mosquera, investigador principal do grupo de Hematoloxía Computacional e Xenómica do IDIS.
Mediante esta plataforma multimodal que combina intelixencia artificial e experiencia clínica, o equipo investigador pretende mellorar o diagnóstico, tratamento e prognóstico de enfermidades. O proxecto busca facilitar a toma de decisións dos profesionais sanitarios grazas a tres centenares de asistentes virtuais (chatbots) especializados en distintos grupos de enfermidades e áreas do coñecemento.
Inicialmente desenvolvida para oncohematología, Código Rojo ampliou o seu ámbito de aplicación a múltiples especialidades médicas, converténdose nunha ferramenta de gran valor para casos clínicos complexos. O obxectivo do equipo é dar servizo aos profesionais sanitarios, facilitando a toma de decisións terapéuticas e mesmo a predición de posibles complicacións.
Un recoñecemento de alto impacto
Os Premios Ennova Health, organizados por Diario Médico e Correo Farmacéutico, recoñecen anualmente proxectos de innovación dixital en saúde que achegan valor real ao sistema sanitario, melloran a calidade asistencial e promoven a sustentabilidade do sistema. A quinta edición destes galardóns puxo en valor a traxectoria dos equipos de investigación do IDIS e o impacto clínico das propostas, non só pola súa sofisticación técnica, senón tamén pola súa capacidade para transformar datos en decisións clínicas útiles e aplicables en contornas reais.




