O IDIS participa no proxecto europeo MAG-SUDOE, que impulsa a mentoría en asesoramento xenético

21 Xaneiro 2026

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026.- O IDIS participa no proxecto europeo MAG-SUDOE, unha iniciativa pioneira que impulsa a mentoría profesional en asesoramento xenético para mellorar o benestar dos equipos sanitarios e reforzar a calidade asistencial nos servizos de xenética clínica. O asesoramento xenético é un acompañamento a individuos e familias para poder comprender e adaptarse ás consecuencias médicas, psicolóxicas e familiares dunha determinada enfermidade xenética, así como para tomar decisións informadas. Coa implantación dunha mentoría en asesoramento xenético preténdese propoñer un proceso estruturado de apoio a profesionais que traballan con casos clínicos complexos e emocionalmente intensos.

O proxecto reflicte unha visión compartida polos socios: unha Europa que coida a quen coida, que innova e que coopera para mellorar a saúde e o benestar das persoas. Para iso combina investigación e experiencia previa no ámbito clínico, enmarcadas nun proxecto de colaboración transfronteiriza para deseñar un modelo de mentoría baseado en evidencia científica e adaptado aos sistemas sanitarios do suroeste de Europa. Está financiado nun 75 % con fondos FEDER a través do programa Interreg Sudoe, e prolongarase ata 2028, ano no que se presentarán os resultados finais e as recomendacións para a súa integración en políticas públicas de saúde.

O consorcio está coordinado polo Instituto de Investigación e Innovación en Saúde (i3S) do Porto, e conta coa participación, ademais do IDIS, de Navarrabiomed (Navarra), do Centro Hospitalario Universitario de Toulouse (CHU Toulouse) e da Sociedade Portuguesa de Saúde Pública (SPSP), entre outros socios de Francia, Portugal e España.

A misión de MAG-SUDOE é impulsar unha cultura de coidado mutuo e excelencia asistencial nos servizos de xenética clínica. Para iso marcáronse como principais obxectivos mellorar a calidade do asesoramento xenético en hospitais e centros de saúde da rexión SUDOE, o que se traducirá nunha mellora da atención sanitaria; promover o benestar psicolóxico e a resiliencia dos e das profesionais da saúde; fortalecer a cooperación científica e sanitaria entre España, Francia e Portugal; e xerar evidencia transferible para a adopción de modelos de mentoría noutros contextos europeos.

Primeiro workshop

O centro de investigación biomédica Navarrabiomed acolleu o primeiro workshop internacional deste proxecto. A coordinadora Milena Paneque, investigadora no i3S (Portugal), destacou que os equipos que traballan con diagnósticos sensibles e acompañan a familias afectadas por enfermidades hereditarias enfróntanse a situacións emocionalmente moi esixentes, con risco de estrés, ansiedade, fatiga por compaixón e desgaste profesional. «A mentoría estruturada permite compartir experiencias, fortalecer os recursos emocionais e mellorar a capacidade de resposta clínica, repercutindo directamente na calidade e na seguridade do paciente no contexto asistencial», sinalou.

No marco deste primeiro workshop, organizouse unha sesión de sensibilización aberta ao público profesional do SNS-O, que foi inaugurada por Antonio López Andrés, director xeral de Saúde do Goberno de Navarra, quen afirmou o compromiso institucional cunha sanidade centrada nas persoas.

Tras unha ponencia xeral sobre a mentoría en asesoramento xenético, presentouse a implantación da iniciativa en Navarra, un paso clave para avaliar a integración da mentoría na práctica clínica real. A iniciativa incluirá sesións de reflexión, acompañamento entre iguais, formación en habilidades comunicativas e apoio emocional, todo iso supervisado por un profesional con formación específica para guiar estas sesións, co obxectivo de fortalecer as competencias técnicas e humanas dos servizos de xenética clínica. Esta experiencia permitirá analizar o seu impacto no benestar profesional, na calidade da práctica do asesoramento xenético por parte dos distintos profesionais dos servizos de Xenética e na seguridade e mellor experiencia dos pacientes.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.