O proxecto premiado estudará o comportamento diferencial entre homes e mulleres da microbiota intestinal en insuficiencia cardíaca
O galardón impulsa a investigación de patoloxías valvulares cardíacas para mellorar o seu tratamento e aumentar a esperanza de vida das persoas enfermas
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026.- Sandra Feijóo Bandín, investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Centro de Investigación Biomédica en Rede en Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV), resultou gañadora do VIII Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía dedicado ás enfermidades valvulares cardíacas. O fallo do Xurado, presidido polo Dr. José Ramón González Juanatey e coordinado pola Dra. Pilar Mazón, xefa do servizo de Cardioloxía do CHUS, confirmou este recoñecemento que inclúe unha dotación económica de 30.000 euros e galardón acreditativo. O premio será entregado proximamente en Santiago de Compostela polo empresario e mecenas Ramiro Carregal.
O proxecto premiado, “Influencia do sexo no eixo intestino-corazón na insuficiencia cardíaca: efecto sobre os metabolitos derivados da microbiota intestinal”, estuda o comportamento diferencial entre homes e mulleres dos niveis de metabolitos da microbiota intestinal en insuficiencia cardíaca (IC), un problema que afecta ao 2 % da poboación adulta e alcanza un 10 % dos maiores de 70 anos. Este proxecto contribuirá a mellorar o coñecemento da enfermidade cardiovascular na muller e a impulsar unha atención máis personalizada, abordando as desigualdades derivadas da súa infrarrepresentación nos ensaios clínicos.
O proxecto parte da chamada “hipótese intestinal” da insuficiencia cardíaca. Nela, a redución do gasto cardíaco deteriora a barreira do intestino e permite que substancias prexudiciais producidas polas bacterias intestinais pasen ao sangue. Estes metabolitos poderían favorecer unha inflamación crónica de baixo grao e contribuír á progresión da enfermidade. Até agora sábese pouco sobre se o sexo modifica ese proceso.
O estudo desenvolverase en dúas liñas de traballo. A primeira analizará os metabolitos derivados da microbiota en pacientes con distintos tipos de insuficiencia cardíaca, garantindo unha representación equilibrada de homes e mulleres en cada grupo. A segunda investigará os mecanismos implicados no dano cardíaco mediante modelos experimentais de laboratorio que reproduzan características da enfermidade humana. Ambas as liñas permitirán afondar nas diferenzas entre sexos e identificar posibles novas dianas terapéuticas.
O proxecto validará os resultados preliminares do grupo con rexistros nacionais REDINSCORIII-CIBERCV no que se observa a asociación de niveis de metabolitos microbianos intestinais cos marcadores de dano e tensión cardíaca, así como o seu comportamento diferencial entre homes e mulleres con insuficiencia cardíaca. Estes resultados suxiren unha posible relación entre as alteracións dos metabolitos derivados da microbiota intestinal e o estado cardiovascular dos pacientes con IC.
Cara a unha medicina de precisión
“Preténdese identificar biomarcadores asociados á progresión da enfermidade e posibles dianas terapéuticas que impulsen o desenvolvemento de estratexias de medicina personalizada de precisión, mellorando o prognóstico e a calidade de vida dos pacientes mediante intervencións adaptadas ás súas características biolóxicas individuais”, explica Sandra Feijóo.
A investigadora agradece a Ramiro Carregal a posta en marcha destes premios así como a súa continuidade “un exemplo de mecenado científico moi necesario para poder avanzar en investigación e en medicina”.
Un equipo multidisciplinar
Sandra Feijóo, doutora en Medicina Molecular, dirixe o traballo xunto a un equipo de cardioloxía, enfermaría e investigadores básicos do CHUS e do IDIS formado por Milagros Pedreira Pérez, Belén Álvarez Álvarez, Alana Aragón Herrera, Diego Rodríguez Penas, Óscar Otero García, Lucía Gómez Cibeira, María Cuñarro Gulías, Xocas Vázquez Abuín, María Moure González e Francisca Lago Paz, entre outros.
Sandra Feijóo Bandín é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde obtivo o seu título en 2007, e doutora en Medicina Molecular pola mesma universidade desde 2014. Incorporouse en 2007 ao grupo de investigación de Cardioloxía Celular e Molecular do IDIS, onde continúa desenvolvendo a súa actividade como investigadora posdoutoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Cardiovasculares (CIBERCV).
A súa investigación céntrase no estudo dos mecanismos celulares e moleculares implicados na fisiopatoloxía das enfermidades cardiovasculares, con especial atención ao papel das hormonas endóxenas e alteracións metabólicas, así como na identificación de novos biomarcadores e dianas terapéuticas. O seu traballo combina modelos animais, cultivos celulares e mostras biolóxicas de pacientes, cun marcado enfoque translacional orientado a avanzar cara a unha medicina cardiovascular máis personalizada.
Ao longo da súa traxectoria participou en proxectos de investigación públicos e contratos de colaboración con empresas farmacéuticas, sendo actualmente investigadora principal de proxectos financiados pola Sociedade Española de Cardioloxía e dun proxecto de investigación preclínica en colaboración con Bayer AG.
Os Premios Ramiro Carregal
O presidente de Frinsa, Ramiro Carregal Rei, mantén o seu firme compromiso coa investigación ao convocar unha nova edición deste galardón creado no ano 2018, o que supón un paso máis na súa aposta polo mecenado na investigación sanitaria. Esta dedicación maniféstase tamén noutras destacadas contribucións impulsadas polo empresario galego neste campo, como é o Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e o Premio a Talentos Emerxentes, que xa alcanzan a 15.ª e 8.ª edición, respectivamente.



