Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026.- Alexis Moscoso Rial, investigador do grupo Imaxe Molecular do IDIS, recibiu o primeiro premio na categoría Traxectorias Emerxentes de Investigación en Saúde na segunda edición dos Premios de Investigación en Saúde Transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal, destinados a visibilizar a valiosa colaboración sanitaria entre a comunidade galega e o país luso.
Na modalidade de Proxectos de Investigación Sanitaria en Atención Primaria resultou gañador Gravicap, un traballo sobre metabolismo e risco cardiovascular dos investigadores Sergio Cinza Sanjurjo, Daniel Rey Aldana, Manuel Portela Romero e Nerea Sánchez Varela, do grupo SEMERGAL do IDIS.
O segundo premio foi para o proxecto Simoa, de estratificación biolóxica precoz do deterioro cognitivo en atención primaria mediante biomarcadores séricos ultrasensibles. Participan neste traballo os investigadores do IDIS Juan Sánchez Castro, do grupo Metodoloxía da Investigación; José María Prieto González, Roberto Carlos Agís Balboa, Xiana Rodríguez Osorio e Javier López González, do grupo Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas; Daniel Rey Aldana, do grupo SEMERGAL; José Gómez Rial, de GENVIP; e Emilio Rodríguez Castro, do grupo Cefaleas e Dor Craneofacial. Áurea Lara de Maia Santos Almeida e Purificación Cacabelos Pérez completan o equipo do proxecto Simoa.
Ademais dos tres premios que recibiu o IDIS, foron recoñecidos tamén José Alexandre Ribeiro de Castro Ferreira no ámbito das Investigacións do Norte de Portugal e Marina Oviaño García, da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Inibic, que recibiu o segundo premio na modalidade Traxectorias Emerxentes de Investigación en Saúde.
Os galardóns foron entregados este mércores nun acto celebrado no edificio Novoa Santos do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, nun evento presidido polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e no que participaron os xerentes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José Ramón Parada e Antonio Fernández-Campa, respectivamente.
Colaboración transfronteiriza en ámbitos clave
Gómez Caamaño felicitou os finalistas por contribuír a que a investigación en saúde non sexa un exercicio teórico, senón unha ferramenta fundamental para ofrecer mellores diagnósticos, mellores tratamentos e unha atención máis eficaz e máis humana. O obxectivo principal é, como sinalou o conselleiro, trasladar o coñecemento científico á práctica clínica.
Así mesmo, subliñou a accesibilidade universal ao sistema sanitario como un valor compartido na Eurorrexión. En particular, o Centro de Protonterapia de Galicia tratará na sanidade pública 250 pacientes ao ano, entre eles do Norte de Portugal, mentres o país luso tamén está a desenvolver o seu propio proxecto.
En canto ao proxecto Transfire Saúde, o responsable da sanidade pública destacou a súa capacidade para poñer o foco tanto no talento investigador do sistema sanitario como na colaboración transfronteiriza en ámbitos clave como a investigación biomédica, a saúde pública ou a innovación sanitaria.
Transfire Saúde
O proxecto de cooperación interrexional Transfire Saúde aposta por abordar de forma conxunta retos compartidos como o envellecemento da poboación, a cronicidade ou a medicina personalizada. Conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.
Neste marco, hai varias iniciativas que demostran que a cooperación transfronteiriza é unha auténtica oportunidade para transformar a sanidade e que confirman a Eurorrexión como un gran polo de investigación e innovación sanitaria. En concreto, o programa PRIS-T, que permitiu apoiar 12 proxectos con alto potencial de transferencia á práctica clínica, ou o proxecto INNOV4 LIFE, centrado na validación de solucións innovadoras en contornos reais.




