O seu proxecto Gentix and Context consiste nunha consultaría integral especializada en bioinformática que ofrece análise de datos ómicos, interpretación biolóxica e clínica de resultados e apoio na publicación científica
Santiago de Compostela, 20 de outubre de 2026.- O proxecto Genetix and Context promovido por Diana Castro, investigadora do grupo FarmaCHUSLab do IDIS, resultou gañador da primeira edición do Programa Incuba Emprende posto en marcha este ano pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, no marco de USC Emprende, co propósito de axudar a definir e impulsar ideas e proxectos emprendedores no seo da USC.
Gentix and Context consiste nunha consultaría integral especializada en bioinformática que ofrece análise de datos ómicos, interpretación biolóxica e clínica de resultados e apoio na publicación científica. Diana Castro defendeu ante o xurado o seu proxecto, xunto a outros seis finalistas (do total de 23 presentados), na xornada Demo Day que tivo lugar no Museo de Historia Natural da USC e que presidiu o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelino Maneiro. A gañadora faise cun premio de 4.000 euros. O segundo premio, de 2.000 euros, foi para Discerna, de Brais Vázquez.
O DemoDay está concibido como un foro de encontro co ecosistema emprendedor de xeito que as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer recursos de apoio ao emprendemento e establecer contacto con entidades clave para o desenvolvemento futuro das súas iniciativas. Con ese propósito, desenvolvéronse dúas mesas redondas nas que participaron José Luis Maestro, subdirector xeral de Emprendemento da Xunta de Galicia; Patricia López, subdirectora de Innovación Empresarial do Igape; Carmen Pumariño, presidenta de Startup Galicia e directora de Zubi Capital; Noelia Rodríguez, de The Beta Factor; Diego Cristóbal Andaluz, de Osix Tech; Uxía Fernández, de Albor Biotech, e Pablo Cabanelas, de Neutron Insights.
Traballos finalistas
Os traballos finalistas foron Nutrición sen dietas, desenvolvido por Daniel Presa, que propón un proxecto de educación nutricional non pesocentrista promovendo unha relación saudable, flexible e sostible coa alimentación, priorizando o benestar e os hábitos saudables fronte ao peso; Viñalert, de Levi García, que ofrece unha solución orientada a mellorar a xestión diaria do viñedo, reducindo tarefas repetitivas e carga administrativa, e facilitando a toma de decisións das persoas produtoras; Viltar, promovido por Óscar Baltar e Carlos Vila, como solución baseada en intelixencia artificial para reducir a carga administrativa dos profesionais sanitarios e mellorar a atención aos pacientes; Nexum Xestión, de Iago Murga e Xián Eirós, como plataforma dixital que permite rexistrar, organizar e xestionar facturas de xeito sinxelo, facilitando o control e a organización da información económica; e Dashia, un proxecto de Iván Aradas concibido como plataforma de análise de datos que facilita a toma de decisións estratéxicas e a elaboración de informes mediante o procesamento da linguaxe natural (NLP), sen necesidade de coñecementos técnicos.



