Aberta a inscrición para a III Carreira de Orientación Solidaria polo Ictus que terá lugar en Santiago o 27 de setembro

4 Setembro 2026

A iniciativa, en beneficio de Dano Cerebral Galicia, está organizada polo grupo Ictus Traslacional do IDIS e o Club Aromon de Pontevedra

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026.– O próximo 27 de setembro, a Cidade da Cultura de Galicia acollerá a III Carreira de Orientación Solidaria polo Ictus, unha iniciativa aberta a todas as idades e niveis organizada polo grupo Ictus Traslacional (Treat Group) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e o Club Aromon de Pontevedra.

A cita, que dará comezo ás 10:30 h, conta con 300 prazas gratuítas. As persoas que formalicen a súa inscrición antes do 15 de setembro recibirán unha camiseta conmemorativa. Trátase dunha proba de carácter familiar e non competitivo que busca combinar deporte, solidariedade e concienciación. Ademais da actividade deportiva, haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría e un gran sorteo final con obsequios das entidades colaboradoras. Ao rematar, os participantes poderán gozar de froita fresca, auga e bebidas saudables proporcionadas polos patrocinadores.

Todos os fondos recadados mediante doazóns voluntarias destinaranse integramente a Dano Cerebral Galicia, unha entidade que ofrece apoio, recursos e proxectos de integración a persoas afectadas por dano cerebral adquirido e ás súas familias.

“O ictus é unha das principais causas de discapacidade en adultos e unha atención temperá pode marcar a diferenza no prognóstico”, sinalan desde o grupo que lidera o Dr. Francisco Campos que, con esta carreira, busca “sensibilizar a sociedade sobre a importancia de recoñecer os síntomas a tempo, fomentar hábitos de vida saudable e apoiar á comunidade de pacientes e familiares”.

A inscrición pode realizarse en https://forms.cloud.microsoft/e/sGwX9wgjNt.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.