Desde o seu nacemento, Sensogenoma presenta novas evidencias reproducibles da resposta molecular á música en persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e no proteoma das bágoas.
O proxecto, desenvolvido polos grupos GenPoB e GenVip do IDIS e da USC, reuniu máis de 5.000 participantes, máis de 1.500 doantes e máis de 20.000 mostras biolóxicas.
O 25 de setembro, Sensogenoma26 celebrará o quinto aniversario convertendo de novo o Auditorio de Galicia nun gran laboratorio cidadán.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026.- Sensoxenoma presentou hoxe os resultados obtidos desde que en setembro de 2022 comezou a estudar de forma sistemática a resposta biolóxica humana ante os estímulos musicais. O proxecto foi concibido e desenvólvese integramente polos grupos de investigación do IDIS GenPoB, liderado polo catedrático da USC Dr. Antonio Salas Ellacuriaga, e GenVip, liderado polo catedrático da USC e xefe do Servizo de Pediatría do CHUS Dr. Federico Martinón-Torres, coa coordinación da Dra. Laura Navarro Ramón.
“Unha das grandes fortalezas de Sensoxenoma foi medrar desde unha pregunta científica inicial ata converterse nun proxecto multidisciplinar, aberto á sociedade e capaz de xerar novas preguntas. Construímos unha comunidade na que investigadores, profesionais sanitarios, asociacións de pacientes, estudantes e cidadáns forman parte do proxecto”, explica Laura Navarro.
“Cando comezamos Sensoxenoma, partiamos practicamente de cero. Foi un salto ao baleiro. Non había un marco establecido para estudar de maneira sistemática como un estímulo musical podía modificar a nosa resposta biolóxica. Tivemos que crear mesmo o concepto de sensoxenoma e desenvolver métodos para formular e responder preguntas que antes nin sequera estaban formuladas”, indica Antonio Salas, investigador principal do proxecto.
Co paso dos anos, aquela aposta converteuse nunha plataforma multidisciplinar que estuda a resposta á música en distintos niveis biolóxicos: expresión xénica, proteómica, microbiota e outros sinais fisiolóxicos, a partir de mostras de sangue, saliva e bágoas. A estas liñas súmanse proxectos de xenómica evolutiva orientados a comprender as raíces ancestrais da capacidade humana para procesar estímulos musicais. “Xa non só nos preguntamos se a música produce unha resposta biolóxica, senón que mecanismos están implicados, canto dura esa resposta, como varía entre persoas e se podemos utilizala para comprender mellor os procesos relacionados coa saúde”, sinala Federico Martinón.
De escoitar música a medir a súa pegada molecular: novas evidencias no autismo
O quinto aniversario chega acompañado de novos resultados que permiten pasar dunha pregunta xeral (se a música produce efectos biolóxicos) a outra moito máis precisa: que cambios moleculares poden detectarse despois de escoitala. As investigacións máis recentes abranguen desde a evidencia clínica dispoñible sobre intervencións musicais no TEA ata a identificación de cambios reproducibles na expresión de xenes de células da mucosa oral.
Un dos traballos é unha revisión sistemática e metaanálise sobre música e TEA. En conxunto, os estudos analizados suxiren efectos favorables das intervencións musicais en diferentes ámbitos, entre eles a interacción social, determinados compoñentes da comunicación verbal, o comportamento e a calidade de vida. Os autores sinalan o potencial da música como intervención non invasiva e atractiva, pero subliñan tamén a heteroxeneidade da evidencia e a necesidade de estandarizar mellor as intervencións e as medidas utilizadas para avaliar os seus efectos.
Outro estudo dá un paso máis e analiza directamente a resposta molecular á música en persoas con TEA. Mediante un sinxelo frotis bucal e un panel dirixido de expresión xénica, o equipo identificou 33 xenes candidatos nunha cohorte inicial. Vinte reproduciron o seu sinal nunha cohorte independente e 13 mantiveron significación estatística. Entre os procesos implicados aparecen a inmunidade innata e as vías inflamatorias. Ademais, o estudo identifica unha sinatura molecular de dous xenes capaz de diferenciar as mostras obtidas antes e despois da exposición musical en persoas con TEA. A resposta pode detectarse xa tras 25 minutos de exposición, cun patrón intermedio entre a situación basal e a observada ao finalizar a estimulación. “Unha experiencia tan cotiá como escoitar música pode deixar unha pegada molecular medible tan só transcorridos 25 minutos desde o comezo do estímulo. Poder reproducir esa resposta en cohortes independentes e observar ademais a súa dinámica temporal achéganos á posibilidade de utilizar estes sinais para monitorizar bioloxicamente determinadas intervencións musicais”, explica Antonio Salas.
Estes resultados abren unha vía de investigación cara a futuros biomarcadores minimamente invasivos que permitan monitorizar a resposta biolóxica a intervencións musicais en trastornos do neurodesenvolvemento.
Máis alá do ser humano: que pode achegar a investigación experimental
Outra liña do proxecto revisa sistematicamente a evidencia sobre os efectos da exposición musical en modelos murinos. O seu obxectivo non é extrapolar directamente os resultados animais ás persoas, senón analizar de forma crítica que se observou e que mecanismos merecen ser investigados. A revisión examinou 276 publicacións e seleccionou 65 estudos realizados entre 2000 e 2025. En conxunto, describen asociacións entre a exposición musical e variables relacionadas coa aprendizaxe, a ansiedade, a sociabilidade, a neuroplasticidade, a conectividade sináptica e determinados parámetros fisiolóxicos.
Para Sensoxenoma, este traballo permite situar a investigación en humanos nun contexto amplo de investigación biolóxica experimental, identificar mecanismos plausibles e delimitar novas hipóteses. Trátase, polo tanto, dun mapa crítico da evidencia dispoñible e non dunha extrapolación directa dos resultados animais aos humanos.
As bágoas revelan outra dimensión da resposta molecular á música
Outro dos resultados destacados procede do estudo do proteoma das bágoas. Mediante espectrometría de masas, o equipo analizou miles de proteínas en mostras recollidas antes e despois dun estímulo musical estandarizado, incorporando cohortes independentes de participantes expostos á música e grupos de control non expostos. A análise identificou 14 proteínas con cambios reproducibles tras a estimulación musical que permaneceron significativos despois de corrixir por comparacións múltiples. As proteínas e redes identificadas converxen en procesos relacionados coa defensa do organismo e a inmunidade innata, a inflamación e a sinalización extracelular.
A clave do achado é a súa reproducibilidade. A sinatura molecular non só diferenciou as mostras tomadas antes e despois da estimulación musical: o efecto apareceu de forma concordante en dúas cohortes de doantes correspondentes a dous anos diferentes e non se observou o mesmo patrón nos dous grupos de control sen exposición musical. “A reproducibilidade é un dos grandes retos da investigación biomédica. Atopar unha resposta molecular concordante en cohortes independentes, recollidas en anos diferentes, e que ademais non aparece nos controis, indícanos que non estamos ante unha observación illada, senón ante un sinal biolóxico que merece ser estudado en profundidade”, destaca Salas.
O traballo mostra ademais o potencial das bágoas como fonte minimamente invasiva para investigar a bioloxía asociada a experiencias sonoras e emocionais, e abre unha nova vía experimental dentro de Sensoxenoma.
Dunha idea pioneira a unha nova fronteira científica
Cinco anos de resultados transformaron a pregunta inicial (se o xenoma responde á música) nun mapa moito máis amplo sobre a interacción entre música, cerebro, organismo e saúde. A investigación aborda hoxe distintos niveis biolóxicos de forma complementaria: expresión xénica, proteínas, microbiota e sinais fisiolóxicos, utilizando sangue, saliva e bágoas. O obxectivo é avanzar cara a unha visión multiómica da resposta humana á música.
A isto súmase unha dimensión evolutiva: comprender por que os seres humanos posuímos unha capacidade tan singular para procesar a música e cales poden ser as súas raíces ancestrais. “Sensoxenoma naceu para responder unha pregunta que parecía case imposible de abordar. Cinco anos despois temos moitas máis preguntas que ao principio, pero tamén ferramentas para comezar a respondelas. Ese é probablemente o mellor indicador de que o proxecto cumpriu a súa función: abrir un campo de investigación”, resume Martinón-Torres.
Pola súa banda, a directora científica do IDIS, María Luz Couce, quixo poñer en valor o traballo desenvolvido por Sensoxenoma. “Cinco anos poden parecer pouco tempo, pero en investigación, innovación e medicina de precisión é moito tempo se detrás hai un equipo áxil, unhas ideas innovadoras que buscan a mellora da saúde da poboación. Sensoxenoma, cando comezou, pareceume moi interesante pola capacidade de innovación e pola aposta pola investigación básica inicial que agora está dando o paso cara á clínica, está trasladándose do laboratorio ás persoas e comezando a mostrar estes primeiros resultados. É un exemplo do traballo que levamos a cabo no IDIS e que seguro que aínda vai darnos moitas sorpresas”.
Celebración do quinto aniversario
O vindeiro 25 de setembro, ás 19:30 h, celebrarase no Auditorio de Galicia o Concerto Sensoxenoma26, coincidindo co quinto aniversario do proxecto. Será unha nova edición dun encontro que resume a súa filosofía: converter a música nun punto de encontro entre ciencia, cultura, saúde e sociedade.
Dirixido por Roberto Baltar, o concerto desta edición contará ademais coa participación do recoñecido musicólogo, escritor e xornalista Martín Llade, presentador de Sinfonía de la Mañana (Radio Clásica) e Premio Ondas 2026.
Como en anos anteriores, o auditorio converterase nun espazo experimental para a recollida de mostras de sangue, saliva e bágoas. Dúascentas persoas do público participarán como doantes en Sensoxenoma26, grazas á colaboración con 12 asociacións de pacientes e cos voluntarios que se inscriban a través da web do proxecto. As invitacións gratuítas para asistir como público xeral poderán recollerse desde o 15 de setembro a través da web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes da Zona C Punto de Información Cultural (Preguntoiro, 1). No caso de que aínda haxa localidades dispoñibles o día do concerto, tamén se poderán retirar no Auditorio de Galicia desde as 18:30 horas.
Sensoxenoma celebrará o seu V aniversario xunto coas institucións colaboradoras do proxecto: Real Filharmonía de Galicia, Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, Concello de Santiago, Consorcio de Santiago e Auditorio de Galicia.



