O claustro do Colexio de Fonseca acolleu o taller Descubrindo a biomedicina: a ciencia que transforma a saúde
Santiago de Compostela, 25 de septiembre de 2026.- O IDIS participou este 25 de setembro nunha nova edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-NIGHT), evento asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras que promove a Comisión Europea. Esta iniciativa serve para conectar a investigación coas persoas, poñendo en valor a importancia das súas achegas para o avance social.
Neste contexto, o IDIS desenvolveu, no claustro do Colexio de Fonseca, dous talleres abertos a todo o público e destinados a coñecer algúns dos aspectos do traballo que se leva a cabo no centro. Unha oportunidade única para experimentar, aprender e comprender como a investigación que se fai no IDIS contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas.
No obradoiro Electroforese: que é e para que serve explicamos en que consiste esta técnica de laboratorio para despois introducir outras técnicas experimentais, como o Western Blot ou a secuenciación. Pero se hai unha tarefa importante nun laboratorio é saber usar unha pipeta: “Medir ben un líquido pode marcar a diferenza entre que un experimento funcione ou non”, explica o persoal do IDIS. Por iso levaron á G-NIGHT unha das tarefas máis habituais da investigación: medir, transferir e axustar pequenos volumes de líquido. Foi no taller De pingas a microlitros: aprende a pipetear como un científico no que, a través de distintas mesturas de líquidos de cores, as persoas participantes puideron familiarizarse con diferentes ferramentas para medir e transferir volumes, así como con outros materiais de laboratorio empregados de forma habitual. Seguindo sinxelas receitas adaptadas a diferentes niveis de dificultade, descubriron a importancia da precisión no traballo experimental.
Ademais do taller do IDIS, moitas outras entidades levaron a cabo actividades en Compostela, unha das sete cidades galegas nas que se conmemorou a G-NIGHT 2026, organizada polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña; polos tres institutos de investigación sanitaria IDIS, IISGS e INIBIC; e polo CSIC, a Xunta de Galicia, CITMAga, CESGA e INCIPIT. Deste xeito, Galicia uniuse ás arredor de 400 cidades europeas que celebran actividades no marco desta iniciativa.



