A iniciativa organizada pola xunta local da AECC en Santiago congregou a un gran número de participantes
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026.- Persoal investigador da área de oncoloxía do IDIS participou este sábado, 26 de setembro, na 5.ª edición da Andaina Solidaria En Marcha Contra o Cancro, organizada pola xunta local de Santiago da Asociación Española contra o Cancro (AECC).
A iniciativa, un percorrido circular de cinco quilómetros con saída e chegada á Alameda, supón “un punto de encontro deportivo e social, de celebración en familia, coas amizades e veciñanza, para apoiar a loita contra o cancro”, tal como destaca a organización. Pero tamén se trata dunha proposta divulgativa e solidaria que permite coñecer e colaborar coa investigación oncolóxica.
Na Andaina participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen subliñou o labor da Asociación Española contra o Cancro tanto no acompañamento a pacientes e familias, como no impulso da prevención e a investigación, e destacou especialmente a súa capacidade para mobilizar e concienciar, ao facer visible que a abordaxe do cancro está aberta ao compromiso do conxunto da sociedade.
Ademais, o conselleiro destacou a importancia de que Galicia sexa candidata a formar parte da rede europea de Centros Integrais do Cancro, referencias de excelencia na abordaxe desta doenza: “A candidatura comparte os valores de equidade e tamén de aposta pola investigación que promove a Asociación Española Contra o Cancro”.



