A spin-off biotecnolóxica do IDIS e do SERGAS suma un novo recoñecemento, que recolleu a súa CEO, María de la Fuente, este mércores na Coruña
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026.– DIVERSA Technologies foi recoñecida como Mellor Startup do Ano en Galicia nos Premios Empresa do Ano Banco Sabadell. María de la Fuente, CEO da compañía, recolleu o galardón este mércores 14 de outubro durante a gala celebrada na Coruña.
Os galardóns están impulsados por Banco Sabadell e Prensa Ibérica, a través das súas cabeceiras galegas La Opinión de A Coruña, Faro de Vigo e El Correo Gallego. DIVERSA foi elixida mediante a votación dos lectores.
Este novo premio dá visibilidade a un proxecto empresarial nacido da investigación biomédica galega e especializado en sistemas avanzados de transporte molecular baseados en lípidos. A compañía desenvolve solucións para abordar retos de formulación e administración de moléculas en colaboración con investigadores e empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas. Un coñecemento que trasladou tamén ao sector cosmético a través de Sphirence, a liña tecnolóxica da compañía orientada á encapsulación de ingredientes activos. O seu desenvolvemento amplía as aplicacións da experiencia de DIVERSA en sistemas de transporte molecular.
Unha celebración compartida co tecido empresarial galego
Xunto a DIVERSA, os premios distinguiron a Grupo Cortizo como Empresa do Ano; a Luis de Valdivia, fundador e presidente de Ecoener, como Empresario do Ano; a Jealsa como Empresa Familiar e a Roberto Verino pola súa Traxectoria Empresarial. Tamén foron recoñecidas Ceamsa, pola súa actividade internacional; Kaleido Logistics, en loxística; Grupo Gestán, en sustentabilidade; e Freshcut, do Grupo Frutas Nieves, polo seu impacto social.




