O IDIS exporá algúns dos proxectos que ten en marcha nunha xornada científica sobre colaboración público-privada

14 Outubro 2026

A cita, organizada xunto co Instituto de Salud Carlos III, terá lugar o 26 de outubro no Hospital Clínico Universitario de Santiago 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026.– O vindeiro luns, 26 de outubro, o salón de actos 1 do CHUS acollerá a xornada científica “Medicina personalizada e colaboración público-privada en investigación sanitaria”, organizada polo Intituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).

A apertura do acto correrá a cargo de Antonio Gómez-Caamaño, conselleiro de Sanidade; Ángel Facio, xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; María Luz Couce, directora científica do IDIS; Manuel Cuenca, subdirector xeral de avaliación e fomento da investigación do ISCIII e Raquel Yotti, comisionada do PERTE para a Saúde de Vangarda. Yotti será a encargada de impartir a conferencia inaugural sobre “A Medicina Personalizada e a colaboración público-privada como eixos estratéxicos”.

A continuación terán lugar dúas sesións. A primeira, moderada polo investigador do IDIS Ángel Carracedo, tratará sobre “Medicina Personalizada de Precisión: da xeración de coñecemento á transformación da práctica clínica” e servirá para presentar tres proxectos desenvolvidos no IDIS: Cringenes, que lidera M.ª Luz Couce; o modelo multifactorial de predición de risco de cancro de mama que dirixe Manuela Gago e IMPACT Xenómica, de Beatriz Sobrino.

A segunda sesión, moderada por Mabel Loza, tratará sobre “Investigación colaborativa público-privada” e exporá varios proxectos de innovación desenvolvidos en colaboración con empresas e financiados a través de programas de desenvolvemento tecnolóxico ou de cooperación público-privada. Carlos Peña falará sobre “Desenvolvemento e validación clínica dun sistema avanzado de apoio á toma de decisións para a mellora do manexo de enfermidades valvulares cardíacas”; Tomás Sobrino tratará o tema “A colaboración público-privada como oportunidade para a transferencia de coñecemento en saúde” e María de la Fuente disertará sobre “Ciencia, empresa e impacto para transformar coñecemento en terapias”.

Ao final de cada sesión haberá tempo para un debate conxunto e a xornada acabará coa exposición de conclusións e un xantar-networking. O obxectivo desta iniciativa é coñecer o estado dos proxectos de Medicina Personalizada de Precisión desenvolvidos no IDIS no marco da infraestrutura IMPaCT, así como outros proxectos de innovación desenvolvidos en colaboración con empresas e financiados a través de programas de desenvolvemento tecnolóxico ou de cooperación público-privada.

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.