Unhas 730.000 persoas serán convidadas a participar neste estudo destinado a comprobar a efectividade da dose única fronte a gripe e covid
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026.– Este sábado, 17 de outubro, dará comezo o ensaio clínico Combogal, dirixido a avaliar os posibles beneficios de que as persoas de 65 anos ou máis se vacinen cunha única dose fronte á gripe e a covid.
Ao redor de 730.000 persoas serán convidadas a participar neste estudo promovido polo Hospital Herlev-Gentofte de Dinamarca e que en Galicia desenvolve o grupo Genvip do IDIS, co doutor Federico Martinón como investigador principal, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública.
O estudo avaliará os beneficios de administrar unha vacina única e combinada contra a gripe e a covid, para comprobar se a súa protección é equivalente á das doses separadas actuais. As autoridades sanitarias subliñan que se trata de medir a estratexia, xa que a vacina combinada non está en discusión: xa está testada e autorizada para a súa administración.
A principal novidade deste traballo reside en combinar nunha soa dose a protección fronte a ambos os virus respiratorios, mantendo niveis de cobertura comparables aos logrados por separado e analizando se a picada única incrementa a adhesión do público. “O obxectivo do estudo é investigar se a vacina combinada mCombriax pode reducir o risco de hospitalización así como de complicacións e mortes relacionadas con gripe e/ou COVID-19 en persoas de 65 anos ou máis”, sinala o Dr. Federico Martinón.
A vacina administrarase de forma aleatoria: a metade dos participantes recibirá a dose combinada e a outra metade as dúas vacinas por separado. O Dr. Martinón destaca a “dimensión do proxecto que reflicte este esforzo colectivo: 14 hospitais galegos, máis de 700 profesionais de enfermaría e unha enorme rede asistencial e investigadora traballando de forma coordinada”.
O estudo disporá de quendas durante cinco fins de semana consecutivos en 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde e contempla a participación dunhas 55.000 persoas por tempada (tanto na actual como na de 2027-2028), até alcanzar un total de 110.000 participantes, coa posibilidade de repetición.
Esta simplificación no proceso de inmunización busca repercutir positivamente nas coberturas vacinais e combater a fatiga vacinal, ademais de reducir a brecha de aceptación entre a dose da gripe e a da covid. A iniciativa permitirá optimizar a organización no marco dunha campaña autonómica que implica a xestión masiva de centos de miles de citas programadas, doses, desprazamentos e rexistros de administración.
Estes días, irán chegando o SMS con información á poboación seleccionada. A participación é voluntaria e quen queira participar pode reservar cita na aplicación Sergas Móbil ou no teléfono 900 842 217, operativo de 10:00 a 20:00 horas.
Esta iniciativa súmase a outras destinadas a apoiar decisións de saúde pública en evidencia científica sólida obtida a través de ensaios clínicos pragmáticos, un modelo que xa deu os seus froitos con proxectos como Galflu, que permitiu ampliar progresivamente o uso da vacina antigripal de alta carga até cubrir este ano ao grupo de 65 a 69 anos, ou os estudos Nirse-gal e Sincigal sobre o virus respiratorio sincitial (VRS).

Screenshot



