José Ramón González Juanatey abre este mércores en Cerceda o ciclo que contará tamén coa participación de Rafael López e Ana Belén Crujeiras
Santiago de Compostela, 20 de octubre de 2026.- O líder da Área Cardiovascular do IDIS, José Ramón González Juanatey, impartirá este mércores 21 de outubro, no Auditorio de Cerceda, a conferencia “Como vivir máis de cen anos con saúde”. O Dr. González Juanatey explicará o papel da prevención cardiovascular e dos hábitos cotiáns na saúde e na calidade de vida. A sesión ofrecerá recomendacións prácticas sobre alimentación equilibrada, exercicio físico e control dos factores de risco cardiovascular, cunha visión centrada na importancia de coidarse ao longo de todas as etapas da vida.
A charla enmárcase no ciclo de conferencias “Vida Saudable e Envellecemento Activo” da Deputación da Coruña que levará a tres concellos galegos, ata o mes de decembro, a especialistas de recoñecida traxectoria nos ámbitos da cardioloxía, a oncoloxía e a investigación en obesidade co obxectivo de achegarlle á cidadanía información rigorosa e comprensible, así como pautas prácticas para coidar a saúde, previr enfermidades e manter a autonomía ao longo da vida.
A iniciativa prestará especial atención ás persoas maiores e á poboación dos municipios rurais, co obxectivo de facilitar o acceso ao coñecemento médico e científico e axudar a tomar decisións informadas sobre o coidado da saúde. As sesións abordarán cuestións como a alimentación, a actividade física, a prevención dos factores de risco e os avances na investigación e no tratamento das enfermidades.
Cancro e obesidade centrarán as conferencias de novembro e decembro
O ciclo continuará en novembro en Melide coa conferencia “O cancro, prevención e tratamento”, impartida polo doutor Rafael López López, líder do grupo Oncomet do IDIS E xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS. A súa intervención abordará a prevención, a importancia do diagnóstico precoz e os avances nos tratamentos oncolóxicos. A charla permitirá achegar á cidadanía os progresos da investigación e explicar como contribúen a mellorar a atención e as perspectivas das persoas con cancro.
A última xornada terá lugar en decembro na Pobra do Caramiñal, coa conferencia “Vivir sen obesidade”, a cargo de Ana Belén Crujeiras Martínez, investigadora do Sistema Nacional de Saúde e líder do grupo Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do IDIS. A investigadora explicará os factores que inflúen no desenvolvemento da obesidade e abordará a súa prevención e tratamento, así como a relación entre alimentación e saúde. A sesión achegará información sobre as estratexias para previr as enfermidades asociadas e mellorar a calidade de vida.



