Paixón e mentorización foron as palabras máis repetidas na xornada que reuniu a estudantes e a recoñecidos especialistas para compartir coñecemento e experiencias
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026.– A Facultade de Medicina da USC acolleu este sábado 17 de outubro a xornada Traxectoria e vida: experiencia, innovación e compromiso ao servizo da saúde, unha iniciativa da Academia Asomega destinada a que estudantes, residentes e médicos novos coñezan a experiencia de quen levan décadas tomando decisións, investigando e acompañando pacientes.
Abriu o acto María Luz Couce, subdirectora da Academia Asomega e directora científica do IDIS quen lembrou que, ao mirar atrás nunha carreira profesional, “o que permanece de verdade son as persoas”: pacientes, compañeiros e mestres. E defendeu os encontros entre xeracións como unha maneira de transmitir coñecemento e construír futuro. O investigador do IDIS e director de Academia Asomega, Ángel Carracedo, insistiu na importancia de “buscar figuras de referencia”. A súa intervención puxo tamén o acento nunha tarefa pendente: estender a mentoría e conseguir que os profesionais experimentados acompañen de forma máis activa a quen comeza. Carracedo recoñeceu expresamente o traballo de Couce como impulsora da xornada.
A continuación o presidente de Asomega, Julio Ancochea, convidou as persoas asistente a sentirse orgullosas da responsabilidade que elixiron asumir. Reivindicou o estudo e o rigor, pero tamén a curiosidade, a humildade e a capacidade de asombro: condicións imprescindibles para que a rutina non desgaste a vocación. “A paixón é inconformismo ao servizo dos demais, ao servizo dos vosos pacientes”, asegurou nun emotivo discurso.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a capacidade de Asomega para reunir “todo o talento que existe dentro da medicina galega” e lembrou a recente Insignia de Ouro concedida a ASEICA cuxos últimos catro presidentes son galegos. Tamén eloxiou a quen acudiu un sábado pola mañá a aprender e reivindicou a formación continuada como esixencia permanente da profesión.
Sete especialidades, un mesmo horizonte
O programa reuniu perspectivas clínicas e científicas moi distintas. Gómez Caamaño abordou a innovación en oncoloxía radioterápica; Ángeles Flórez, a experiencia dermatolóxica; José Ramón González Juanatey, o reto da lonxevidade saudable. Pilar Rodríguez Ledo analizou a Atención Primaria e a saúde comunitaria; Francisco Blanco García, a investigación en reumatoloxía; Carmen Vidal Pan, os avances en alergoloxía; e Rafael López López, a transferencia do coñecemento á oncoloxía de precisión.
Na clausura, o decano de Medicina e Odontoloxía da USC, José Carreira Villamor, recuperou, en galego, dúas palabras que considerou esenciais: “paixón” e “implicación”. Xunto ao entusiasmo pola profesión, reivindicou a necesidade de comprometerse activamente con ela e valorou a oportunidade de aprender de profesionais de referencia.
Ancochea, que interveu novamente antes do peche, condensou a aspiración compartida: “Temos que camiñar cara a unha medicina máis humana, humanizada e humanista”. E lembrou que exercela esixe ciencia, arte, valores e sentimento.
A segunda edición de Traxectoria & Vida deixou así unha convicción: a mellor herdanza do profesional médico non está unicamente no que sabe, senón no que é capaz de transmitir a quen vén detrás.



