O investigador do grupo Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) do IDIS recibiu o galardón polo traballo sobre pneumonía pubicado en Nature Communications
Santiago de Compostela, 20 de outubre de 2026.- O investigador líder do grupo Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) do IDIS, Antonio Salas, acaba de ser recoñecido co Premio da Crítica de Galicia na modalidade de investigación en ciencias e tecnoloxía.
O profesor Salas obtivo o galardón por un traballo no que se identificaron ferramentas moleculares que permiten diferenciar a pneumonía causada pola bacteria Mycoplasma pneumoniae doutras pneumonías en pacientes pediátricos.
O xurado considerou que esta investigación, publicada na revista Nature Communications, abre “novas posibilidades para mellorar a prestación diagnóstica, evitar tratamentos inadecuados, optimizar o uso dos antibióticos e avanzar cara a unha medicina máis personalizada”.
O xurado estivo composto por Belén Riveiro Rodríguez, catedrática do CINTECX da UVigo, gañadora da edición anterior; Olga Aguín Casal, xefa de sección de Bioloxía Molecular da Deputación de Pontevedra; Gumersindo Feijoo Costa, catedrático de Enxeñería Química da USC, membro da RAGC; Juan Pablo Hervés Beloso, catedrático de Química Física, CINBIO da UVigo; Susana Ladra González, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos, CITIC da UDC.; Ana Isabel Rodríguez Pérez, titular de Anatomía e Embrioloxía Humana, CIMUS da USC e María Teresa Vilariño Barreiro, titular de Química Física da UDC.



