O evento, organizado en colaboración con Novartis España, terá lugar o 10 de novembro no Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026. – O IDIS acollerá o 10 de novembro, a partir das 10:00 horas, un evento titulado “Ensaios clínicos no IDIS”. O encontro terá lugar no Salón de Actos 1 do Hospital Clínico Universitario de Santiago e está organizado polo IDIS e Novartis España.
O obxectivo principal desta iniciativa é promover e dar a coñecer os ensaios clínicos que se levan a cabo no ámbito hospitalario. Durante o evento presentarase a campaña “Ensaiar, transformar e brillar”, unha iniciativa deseñada para achegar a investigación clínica á cidadanía, poñer de relevo a importancia dos ensaios clínicos e amosar a súa contribución ao avance da medicina e ao desenvolvemento de novos tratamentos.
A campaña contará cun sitio web específico que explica en que consisten os ensaios clínicos e quen participa neles. Tamén detallará os criterios que poden determinar a idoneidade dunha persoa para participar nun ensaio (como a idade, o historial médico ou o estado de saúde) e as diferentes fases polas que debe pasar un tratamento antes de ser aprobado.
O sitio web inclúe unha sección de preguntas frecuentes (FAQ) que aborda cuestións como a seguridade, a participación voluntaria, a compensación e a protección de datos. Entre outros aspectos, aclara que a participación é totalmente voluntaria e que as persoas poden retirarse en calquera momento sen que iso afecte á súa atención médica.
Compromiso coa investigación clínica e a sociedade
A través deste evento, que forma parte dunha campaña impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) do IDIS, o Instituto reforza o seu compromiso coa investigación clínica, a participación dos pacientes e a divulgación científica, ao tempo que fomenta un vínculo máis forte entre a investigación e a sociedade.
Consulta o programa da presentación AQUÍ.




