O traballo, no que participou o líder do grupo Inmunoxenética Roberto Díaz Peña, asocia a falta de α-actinina-3 a un músculo máis resistente ao frío e a fatíga
Isto puido supor unha vantaxe cando os nosos antepasados migraron cara a climas máis fríos e reforza o papel fundamental que xoga o músculo esquelético na regulación da temperatura e o metabolismo corporal
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026.– O Journal of Sport and Health Science (factor de impacto: 13.1, D1) publica un traballo no que participou o investigador do IDIS, Roberto Díaz Peña. O líder do grupo Inmunoxenética forma parte do equipo liderado desde o Murdoch Children’s Research Institute de Melbourne no que, ademais do investigador do IDIS, colaborou persoal do Instituto Karolinska, da Universidade de Yale, do Wellcome Sanger Institute e da Universidade Europea de Madrid, entre outros centros.
Roberto Díaz Peña destaca que se trata dun traballo “de varios anos que por fin ve a luz” baixo o título α-Actinin-3 deficiency protects skeletal muscle function from the effects of acute cold exposure. O traballo centrouse en estudar as persoas que carecen da proteína muscular α-actinina-3 por unha variante xenética común.
“Ao redor do 16 % da poboación mundial, uns 1.500 millóns de persoas, carecen dela”, explica o investigador do IDIS. Sabíase que esa carencia penaliza o rendemento en esforzos explosivos, por iso é polo que o xenotipo responsable desta deficiencia (coñecido como ACTN3 577XX) estea fortemente infrarrepresentado na elite mundial de disciplinas de potencia e velocidade pura. En contraste, numerosos estudos describiron unha sobrerrepresentación deste mesmo perfil xenético en fondistas de alto nivel, asociando a falta da proteína a unha maior capacidade oxidativa das fibras musculares e a unha superior economía do esforzo.
“Neste traballo estudamos que lle ocorre a ese músculo cando se expón ao frío”, explica o investigador. “Empregando un modelo de rato modificado xeneticamente para que carecese de α-actinina-3, comprobamos que a deficiencia protexe o músculo: resiste mellor a exposición aguda a baixas temperaturas, perde menos masa muscular e aguanta máis a fatiga, grazas a un metabolismo máis oxidativo e a unha resposta termoxénica máis eficiente. Varios destes trazos confirmáronse tamén en biopsias musculares de persoas co xenotipo 577XX”, detalla Roberto Díaz.
En conxunto, o traballo ofrece unha explicación molecular sólida de por que a perda da α-actinina-3 puido supor unha vantaxe cando os nosos antepasados migraron cara a climas máis fríos e reforza o papel fundamental que xoga o músculo esquelético na regulación da temperatura e o metabolismo corporal.
*O artigo está dispoñible en 10.1016/j.jshs.2026.101192



