Mabel Sampedro, do departamento de Innovación e transferencia do IDIS, participou no encontro celebrado este martes na Consellería de Sanidade
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2026.- O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu este martes 17 de novembro a xornada “Liderando a innovación en saúde”, un encontro no que se abordaron os avances dos proxectos de innovación europeos nos que está a participar o sistema sanitario público galego.
O encontro serviu para celebrar o recoñecemento á Estratexia de Compra Pública Innovadora do SERGAS, galardoada co primeiro premio dos EPSA 2025-26 (European Public Sector Award), ademais de compartir as conclusións de dous proxectos transfronteirizos de innovación en saúde: Innov4life e TransfireSaúde.
Na clausura do acto participaron Antonio Fernández-Campa, xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen destacou a capacidade de Galicia para avanzar cara a un sistema sanitario máis innovador, máis eficiente e, sobre todo, máis próximo ás necesidades dos pacientes.
En alusión a estas fortalezas, o conselleiro apuntou que este recoñecemento deriva da alta cualificación dos profesionais sanitarios galegos, do tecido investigador e empresarial da comunidade e da importancia de establecer colaboracións con outros territorios cos que Galicia comparte retos e características sociodemográficas. Deste xeito, puxo en valor os dous proxectos transfronteirizos, exemplos de colaboración que permiten “sumar capacidades, compartir coñecemento e transformar boas ideas en solucións concretas para a cidadanía”.
Transfiresaúde contribúe a fortalecer o ecosistema de investigación e innovación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, impulsando a colaboración entre institucións, centros de investigación e empresas para dar resposta a desafíos compartidos, como o envellecemento activo da poboación, a medicina personalizada ou a mellora dos procesos asistenciais na atención primaria.
Pola súa banda, o proxecto Innov4life promove, a través dunha rede transfronteiriza de Living Labs, o desenvolvemento e a validación de solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas, cunha especial atención ás demencias e ao deterioro cognitivo.
No peche da súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que este prestixioso premio internacional é froito do esforzo colectivo dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), dos socios portugueses, das universidades, dos centros de investigación, do tecido empresarial e das asociacións de pacientes.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.



