Especialistas de Galicia e Portugal abordan os retos da saúde cardiovascular no marco do proxecto europeo New Heart

19 Novembro 2026

Baixo a lema “Melloras para vivir 100 anos”, a cita que acolle hoxe a Cidade da Cultura de Galicia serve para clausurar o proxecto de cooperación coordinado pola Fundación Pública Galega IDIS

A directora científica do IDIS, Luz Couce, destacou os valores compartidos con esta iniciativa “que representa moi ben a nosa maneira de entender a investigación sanitaria: colaborativa, multidisciplinar e orientada a mellorar a vida das persoas”

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026.– A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolle este xoves 19 de novembro o Congreso de Saúde Cardíaca na Eurorrexión, unha xornada científica que permitirá dar a coñecer os resultados e transferencia do proxecto europeo entre Galicia e Portugal New Hearth, así como os desafíos que expón a saúde cardiovascular para unha sociedade cada vez máis lonxeva baixo a lema “Melloras para vivir 100 anos”.

Este encontro permitirá tamén aterrar á práctica clínica un modelo asistencial cohesionado, integral, accesible para todas as persoas independentemente do seu lugar de residencia, que sitúe na vangarda da innovación tecnolóxica a abordaxe transfronteiriza da saúde cardiovascular desde unha perspectiva preventiva.

Na apertura institucional do congreso participaron o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a reitora da USC, Rosa Crujeiras; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; os coordinadores do proxecto New Hearth, José Ramón González Juanatey e Ricardo Fontes-Carvalho, e a directora científica do IDIS, María Luz Couce.

Couce mostrou a súa “satisfacción” por coordinar, a través da Fundación Pública Galega IDIS, “unha iniciativa que representa moi ben a nosa maneira de entender a investigación sanitaria: colaborativa, multidisciplinar e orientada a mellorar a vida das persoas”. E en relación ao lema do congreso, lembrou que o reto actual non está en “vivir máis anos, senón vivilos con mellor saúde, autonomía e calidade de vida, un obxectivo no que a saúde cardiovascular desempeña un papel fundamental”.

De aí a relevancia deste proxecto no que colaboraron institucións sanitarias, universidades, centros de investigación e empresas de Galicia e do Norte de Portugal “para mellorar a prevención, o diagnóstico precoz e a atención cardiovascular, incorporando novas tecnoloxías e ferramentas innovadoras”. Para Luz Couce, o proxecto demostra o potencial da cooperación transfronteiriza: “Proxectos como este demostran que traballar xuntos permítenos chegar máis lonxe”.

A directora científica do IDIS agradeceu o apoio do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a implicación do consorcio e, de forma especial, “do Dr. Juanatey, promotor da iniciativa, e dos equipos técnicos que traballaron estes anos para facela realidade” . Para o futuro, advertiu de que “a clausura dun proxecto non debe significar o final do seu impacto” e defendeu que o coñecemento, as ferramentas e as colaboracións desenvolvidas se traduzan en melloras reais para pacientes e para o sistema sanitario.

Cardioloxía, medicina de familia, dieta atlántica e IA

O programa do Congreso inclúe relatorios e mesas de debate destinadas a reflexionar sobre os principais retos da saúde cardiovascular, entre eles, a evolución desde a cardioloxía tradicional cara a modelos preventivos intelixentes.

Tamén concede un lugar preferente á atención primaria como porta de entrada á prevención de saúde cardiovascular, cuxa función é esencial para un modelo sanitario máis eficiente que integre desde o comezo as particularidades da poboación rural, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento, e o futuro dos sistemas sanitarios.

A educación para a saúde desde as primeiras etapas da vida ocupa un espazo destacado, pondo o foco no papel complementario dos ámbitos escolar e familiar na adquisición de hábitos saudables. Nesta mesma liña, abórdase a promoción da saúde e a sustentabilidade, con especial atención á dieta atlántica como un dos piares da lonxevidade e o benestar. Un patrón alimentario baseado na chamada “comida real”, os alimentos de tempada e de proximidade e unha alimentación equilibrada, que transcende o valor nutricional dos alimentos para representar tamén unha forma de vida vinculada a hábitos saudables e sostibles.

A innovación tecnolóxica tamén ten un papel destacado, con intervencións dedicadas ás aplicacións da tecnoloxía na saúde cardiovascular, con base na intelixencia artificial, e ao desenvolvemento de sistemas asistenciais intelixentes e de coordinación transfronteiriza.

Outros aspectos importantes que inclúe o programa son os desafíos específicos da contorna rural, o envellecemento e a complexidade clínica, incorporando distintas perspectivas profesionais e de investigación para avanzar cara a protocolos e modelos de atención máis integrados. Todo iso culmina coa presentación de conclusións e unha Declaración Eurorrexional a cargo dos doutores José Ramón González-Juanatey e Ricardo Fontes-Carvalho.

A iniciativa enmárcase na cooperación entre Galicia e o norte de Portugal no ámbito da investigación e a innovación sanitaria. O proxecto New Heart está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Más noticias