Ángel Carracedo toma posesión como académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina de España

19 Novembro 2026

O investigador líder da área de Xenética e bioloxía de sistemas do IDIS tomou posesión o 17 de novembro nun acto solemne presidido polo Prof. Eduardo Díaz-Rubio, presidente da RANME

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026.– O Prof. Ángel Carracedo, investigador líder da área de Xenética e bioloxía de sistemas do IDIS, tomou posesión o 17 de novembro como académico de número de Medicina Legal da Real Academia Nacional de Medicina de España (RANME). O acto solemne foi presidido polo Prof. Eduardo Díaz-Rubio, presidente da RANME, e o Prof. Celso Arango, académico de número de Psicoloxía Médica, foi o encargado de ofrecer o discurso de contestación. Tras a conferencia do Prof. Carracedo, titulada Xenética forense: desde a hemoxenética ás ciencias ómicas, pasou a ocupar a súa cadeira núm. 19.

O Prof. Carracedo abordou a transformación extraordinaria que experimentou a medicina legal e forense nas últimas décadas grazas aos avances da xenética. “O que comezou coa análise dos grupos sanguíneos para establecer parentescos ou investigar delitos converteuse nunha disciplina capaz de identificar vítimas de catástrofes ou resolver delitos cunha sensibilidade extraordinaria grazas ao ADN”, explicou.

Segundo o novo académico, o gran cambio chegou en 1985, cando o científico británico Alec Jeffreys desenvolveu as primeiras aplicacións da chamada pegada xenética, que permitía diferenciar ás persoas mediante o seu ADN. Posteriormente, “a incorporación de técnicas como a PCR, que permite multiplicar pequenas cantidades de ADN, e a análise de marcadores xenéticos denominados STR revolucionaron as investigacións criminais”, asegurou.

Tras debullar algúns dos avances máis interesantes dos últimos anos, o investigador advertiu: “Atopar ADN nun obxecto non demostra necesariamente que o seu propietario cometa un delito: o material xenético pode transferirse indirectamente entre persoas e superficies”. Por iso, un dos grandes progresos da medicina forense foi incorporar ferramentas estadísticas para valorar cientificamente as probas.

A xenética forense tamén desempeña unha función esencial na identificación de vítimas de grandes catástrofes. “Os erros de procedemento cometidos durante a identificación das vítimas do tsunami asiático impulsaron o desenvolvemento de protocolos internacionais máis eficaces e seguros, que posteriormente permitiron intervir en numerosas traxedias”, recoñeceu.

Nesta mesma liña, afirmou, “persiste un enorme desafío humanitario: miles de persoas falecen tentando chegar desde África a Europa a través do Mediterráneo ou do Atlántico e os seus corpos permanecen sen identificar”. Desta realidade xorde o concepto de medicina legal humanitaria, que considera a identificación dos falecidos non só unha cuestión científica ou policial, senón tamén “un dereito das súas familias a coñecer o seu destino e recuperar os seus restos”. O Prof. Carracedo aproveitou para destacar o labor do grupo forense do Comité Internacional da Cruz Vermella, que traballa para contribuír á identificación de persoas desaparecidas en contextos humanitarios.

Por último, o novo académico de Medicina Legal subliñou a conexión entre xenética forense e xenética clínica, xa que os avances xenéticos tamén permiten descubrir enfermidades hereditarias mediante o estudo de persoas falecidas. Un exemplo especialmente relevante é a morte súbita cardíaca. “Cando unha autopsia convencional non consegue explicar o falecemento, a análise de xenes relacionados con determinadas enfermidades do corazón pode revelar a súa causa e, ademais, identificar unha alteración xenética permite estudar os familiares, detectar persoas aparentemente sas que presentan o mesmo risco e adoptar medidas preventivas para evitar novas mortes”, revelou.

O Prof. Carracedo terminou o seu discurso demostrando como a investigación forense pode contribuír directamente a mellorar a medicina clínica e a saúde pública, e reclamou unha maior integración entre universidades, institutos de medicina legal e centros de investigación, así como unha formación especializada máis sólida.

Más noticias

Especialistas de Galicia e Portugal abordan os retos da saúde cardiovascular no marco do proxecto europeo New Heart

Especialistas de Galicia e Portugal abordan os retos da saúde cardiovascular no marco do proxecto europeo New Heart

Baixo a lema “Melloras para vivir 100 anos”, a cita que acolle hoxe a Cidade da Cultura de Galicia serve para clausurar o proxecto de cooperación coordinado pola Fundación Pública Galega IDIS

A directora científica do IDIS, Luz Couce, destacou os valores compartidos con esta iniciativa “que representa moi ben a nosa maneira de entender a investigación sanitaria: colaborativa, multidisciplinar e orientada a mellorar a vida das persoas”

ler máis