A música de Sensoxenoma gañadora da convocatoria de Investigación e Innovación Responsable en Saúde do ISCIII

7 Novembro 2024

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024.- A iniciativa musical e científica “Sensoxenoma” é unha das propostas premiadas na convocatoria de Investigación e Innovación Responsable en Saúde (RRI) que impulsa o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).  A cerimonia de entrega de galardóns tivo lugar en Madrid e contou coa presenza da directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico; a investigadora Laura Navarro Ramón, e o investigador principal do proxecto, Antonio Salas Ellacuriaga, tamén catedrático da Facultade de Medicina da USC e investigador do IDIS; así como o resto de autoridades do ISCIII e os responsables doutros proxectos galardoados.

A Comisión outorgou este recoñecemento a “Sensoxenoma22, na vangarda científica e cultural” como iniciativa de participación cidadá que destaca polo seu innovador enfoque en investigación sobre música e saúde do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O proxecto liderado pola área de Infectoloxía, Inflamación e Vacinas do IDIS (grupos de investigación GenPoB e GenViP), levou a cabo concertos “onde o público participou en investigacións xenómicas, fomentando a divulgación e a participación cidadá para mellorar a calidade de vida de pacientes con enfermidades crónicas”, sinalaron desde a Comisión.

Desde Sensogenomics aseguran estar moi contentos por este recoñecemento. “Hai moitísimo esforzo detrás e máis ilusión se cabe. Doulles os parabéns a todos os que nos acompañaron e nos seguen acompañando nesta fermosa aventura, con especial agarimo á Real Filharmonía de Galicia e a todas as asociacións de doentes que colaboran”, sinalou Antonio Salas, un dos investigadores principais do proxecto.

A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico, puxo de manifesto a importancia do recoñecemento a este tipo de proxectos. “A participación cidadá é o motor que conecta a ciencia coa sociedade, garantindo que o coñecemento xerado responda aos verdadeiros intereses e necesidades da comunidade, e este proxecto é un gran exemplo desta conexión”, sinalou durante a ceremonia.

Tras unha conferencia sobre Investigación e Innovación Responsable en Saúde, presentáronse os proxectos galadonados nas convocatorias ISCIII de RRI correspondentes aos anos 2020 a 2022. A cerimonia de entrega de certificados celebrou o traballo dos grupos de investigación distinguidos dos Institutos de Investigación Sanitaria, resaltando as súas achegas ao ámbito sanitario e investigador. Finalmente, Antonio Salas, como investigador principal de Sensoxenoma, compartiu unha breve presentación do proxecto, que culminou nun coloquio para abordar os aspectos máis innovadores e as perspectivas futuras desta iniciativa.

Pode a música modificar os nosos xenes?

Os resultados desta investigación proporcionan as primeiras evidencias de que, no caso do alzhéimer, prodúcense alteracións na maneira na que se expresan xenes relacionados coa música”. O investigador do IDIS, Federico Martinón, apunta que é “nas enfermidades neurodexenerativas, na parálise cerebral, no trastorno do espectro autista, onde temos cada vez máis evidencias que apuntan aos beneficios da música na enfermidade”. Desta forma, comprobouse que polo menos o 93 % dos estudos sobre os efectos da música na demencia reportan resultados positivos relacionados coa memoria e melloras cognitivas.

A través da recollida de mostras biolóxicas antes, durante e despois dos concertos musicais, Sensoxenoma estuda o impacto da música en distintas patoloxías neurodexenerativas, como o alzhéimer ou as demencias. O equipo investigador do IDIS organizou unha serie de concertos musicais experimentais ao longo dos últimos anos “para investigar as bases xenéticas do estímulo musical e estudar o seu potencial terapéutico na loita contra a enfermidade, en liña coas novas tendencias cara á medicina personalizada”, sinalan.

Un dos achados máis relevantes corrobora a tese dos datos presentados na última edición. “A música parece compensar a expresión de xenes e vías fisiolóxicas que están disfuncionais nos pacientes con deterioro cognitivp, suxerindo un efecto beneficioso na saúde cerebral”, sinala o investigador do IDIS e coordinador do proxecto, Antonio Salas. Resalta tamén que “os resultados son sorprendentes e apuntan a que a música, unha vez procesada de maneira holística polas principais áreas anatómicas do encéfalo, é un estímulo activador de elementos importantes da resposta inmune cuxo eco resoa na cavidade bucal dos doantes. Satisfainos pensar que estes estudos poderían guiarnos na búsqueda de roteiros e dianas terapéuticas na enfermidade”.

Investigación e Innovación Responsable en Saúde (RII)

Os catro proxectos recoñecidos nesta terceira convocatoria corresponden a unha iniciativa de participación cidadá do IDIS (Sensoxenoma22), dúas iniciativas sobre ciencia aberta, do Instituto de Investigación Biomédica de Málaga-Plataforma en Nanomedicina (IBIMA-BIONAND) e do Instituto de Investigación Sanitaria e Biomédica de Alacante (ISABIAL); e unha iniciativa de igualdade de xénero do Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer (IDIBAPS).

A CEE considerou que todas as propostas presentadas, e especialmente os catro proxectos galardoados, “implican un gran esforzo por parte dos IIS acreditados por incorporar de maneira efectiva os diferentes principios RRI, e marcan un camiño que deben de seguir os Institutos neste ámbito”. Esta convocatoria ten como obxectivo recoñecer, apoiar e fomentar o traballo que realizan os Institutos acreditados para integrar na súa actividade os principios de RRI: participación cidadá, acceso aberto, igualdade de xénero, educación científica, ética e gobernanza.

Xornadas RRI

O Instituto de Saúde Carlos III fixo o acto de entrega e presentación das accións premiadas nas convocatorias 2020, 2022 e 2024 de Investigación e Innovación Responsable en Saúde. As xornadas celebráronse o día 7 de novembro no salón Ernest Lluch do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid.

O equipo investigador de Sensogenoma está composto por Lorenzo Redondo Collazo, Federico Martinón Torres, Isabel Ferreiros Vidal, Carmen Rodríguez-Tenreiro Sánchez, Jacobo José Pardo Seco, Alberto Gómez Carballa, Irene Rivero Cale, Maria José Currás Tuala, Sara Pischedda, Xabier Bello Paderne, Alba Camiño Mera, Sandra Viz Lasheras, Miriam Ben García, Carlos Durán Suárez, Belén Mosquera Pérez, Sara Rey Vázquez e Laura Navarro Ramón.

Máis información sobre Sensoxenoma

Investigadores principais

  • Antonio Salas Ellacuriaga
  • Federico Martinón Torres

Coordinación

  • Laura Navarro Ramón

WEB

RRSS

  • Instagram: @sensogenomics__
  • X: @sensogenomics
  • Linkedin: @sensogenomics
  • Facebook: @sensogenomics

WEBs dos grupos de investigación do IDIS

 

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

 

Más noticias