DIVERSA Biotechnologies pecha a súa ampliación de capital con Sémola Tech Ventures SL, Volsunga SL, Janus Projects SL e UNIRISCO.

24 Abril 2024

Santiago de Compostela, 24 de abril 2024.- DIVERSA Technologies SL, empresa que aspira a impactar en toda a cadea de valor no campo da biotecnoloxía e a nanomedicina impulsando o desenvolvemento de medicamentos innovadores para dar resposta a necesidades médicas non cobertas, pecha a súa ampliación de capital coa entrada de UNIRISCO, Sémola Tech Ventures SL., Volsunga SL e Janus Projects, SL.

Dende a súa creación o 17 de xaneiro de 2022, e como resultado de máis de dez anos de investigación en nanomedicina aplicada á saúde liderada pola Dra. María de la Fuente, a empresa xurde como unha spin-off biotecnolóxica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O obxectivo é impactar no desenvolvemento de terapias innovadoras resultado da aplicación da nanotecnoloxía, que melloren a calidade de vida das persoas a través da medicina de precisión.

DIVERSA é unha empresa que xorde coa misión de mellorar a vida das persoas e impulsar o tecido socioeconómico de Galicia xerando emprego cualificado e fomentando un modelo colaborativo con centros de investigación e empresas da contorna, pero tamén internacionais. DIVERSA conta cunha plataforma patentada de nanosistemas lipídicos, axeitada para encapsular e transportar a o seu lugar de acción diferentes tipos de moléculas terapéuticas, incluindo ARN mensaxeiro, proteínas e péptidos terapéuticos, así como fármacos con problemas de solubilidade. A tecnoloxía DIVERSA aumenta a estabilidade das moléculas encapsuladas, e axúdalles a superar barreiras biolóxicas que limitan o seu efecto terapéutico. Os nanosistemas de DIVERSA teñen demostrado o seu potencial en diferentes indicacións, e como resultado do seu investimento en investigación, a empresa está a avanzar no desenvolvemento de nanomedicamentos en oncoloxía e enfermidades raras pedriáticas.

Estes avances son posibles grazas ao modelo colaborativo de DIVERSA, con centros e grupos de investigación referentes nas devanditas doenzas. Pero, ademáis, DIVERSA pon a disposición de terceiros a súa tecnoloxía na procura dun “efecto bolboreta” que resulte no desenvolvemento de nanomedicamentos innovadores para outras moitas indicacións. Deste xeito, propón o establecemento de acordos con empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas que contan com moléculas con alto potencial terapéutico pero que precisan dunha formulación eficaz, como é a baseada nos nanosistemas lipídicos de DIVERSA, para poder aplicalas. Asimesmo, oferta a tecnoloxía a todo o persoal investigador que traballa nas primeiras fases do proceso de desenvolvemento de fármacos. Isto é posible grazas á venda da tecnoloxía “empaquetada” en formato de reactivo, sinxela de formular coas moléculas de interese, para poder así testalas nos seus modelos de estudo. Deste xeito, DIVERSA busca causar impacto a través de múltiples vías e contribuír significativamente á xeración de avances terapéuticos para distintas enfermidades.

Ademáis do seu modelo de negocio, DIVERSA tamén busca ter un impacto social e económico positivo. A través da súa actividade de investigación e desenvolvemento, así como da súa colaboración con outras empresas e institucións, a empresa crea emprego cualificado e fomenta a innovación no sector da saúde. As súas colaboracións e alianzas estratéxicas permiten establecer unha rede de apoio que impulsa o crecemento e o éxito da empresa, contribuíndo ao desenvolvemento económico e tecnolóxico de Galicia.

Co peche desta ronda, trátase de expandir o modelo de negocio e potenciar a internacionalización da empresa.

Principais productos ou servizos que presta

DIVERSA Technologies S.L. é moito máis que unha empresa biotecnolóxica. É unha entidade comprometida coa innovación, a excelencia científica e o benestar das persoas. A través da súa plataforma nanotecnolóxica e do seu enfoque na investigación, desenvolvemento e comercialización de terapias avanzadas, a empresa busca deixar unha pegada duradeira na industria da saúde e na sociedade en xeral.

DIVERSA Technologies S.L. non só está comprometida coa innovación e a excelencia científica senón que ofrece unha tecnoloxía revolucionaria e altamente transversal para desenvolver, na súa línea de I+D ou a través de colaboracións co sector biotecnolóxico e farmacéutico e centros de investigación, medicamentos innovadores. A nanotecnoloxía de vangarda abre novas vías de posibilidades e oportunidades de negocio, adaptándose á demanda e ás necesidades cambiantes de diversos mercados e, principalmente, ás necesidades terapéuticas que xurden no eido sanitario.

Más noticias