Federico Martinón Torres galardonado co XXV Premio Nóvoa Santos

4 Maio 2026

A Xunta Directiva de Asomega subliña que o doutor Martinón representa a síntese perfecta entre a investigación de alto nivel e a xestión clínica de excelencia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026.– O coordinador do Grupo de Xenética, Vacinas e Infeccións (GenViP) do IDIS recibirá o XXV Premio Nóvoa Santos que entrega a Asociación de Médicos Galegos, Asomega. A súa Xunta Directiva decidiu, por unanimidade, conceder a súa distinción máis prestixiosa ao doutor Federico Martinón Torres. Unha decisión que recoñece non só a súa traxectoria científica de impacto internacional, senón tamén a capacidade do premiado para proxectar o talento galego como un referente de liderado na medicina global.

Tal como sinala Asomega, o doutor Martinón é moito máis ca un pediatra: catedrático de Pediatría pola USC e xefe deste servizo no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), a súa figura é hoxe imprescindible para entender a evolución da vacinoloxía e das enfermidades infecciosas.

O investigador e asesor da Organización Mundial da Saúde (OMS) dedicou a súa carreira a desentrañar a complexidade das patoloxías pediátricas. Porén, a súa visión transcende as paredes do laboratorio ou da consulta. Para el, a medicina é un exercicio de responsabilidade social que debe aspirar á equidade.

A concesión deste recoñecemento coincide cunha das etapas máis activas do doutor como voz autorizada na esfera pública. Recentemente, durante a súa intervención no Congreso dos Deputados, defendeu unha idea clave: as vacinas non son só unha intervención sanitaria, senón unha ferramenta transversal de equidade e xustiza social. Nese foro subliñou que a inmunización é unha das estratexias máis potentes para reducir desigualdades e erradicar a pobreza infantil. “Non abonda con dispoñer de vacinas; é imprescindible garantir o acceso real e a confianza”, sostén, poñendo a Galicia como exemplo de éxito grazas a un calendario vacinal de vangarda e coberturas que melloran directamente a saúde da poboación vulnerable.

Un premio con historia
O Premio Nóvoa Santos, que na súa vixésimo quinta edición volve contar co apoio de AstraZeneca, naceu coa vocación de honrar a aqueles galegos que levaron a ciencia médica ás súas cotas máis altas. A Xunta Directiva de Asomega, presidida polo doutor Julio Ancochea, subliña que o doutor Martinón representa a síntese perfecta entre a investigación de alto nivel e a xestión clínica de excelencia.

Con esta distinción, Asomega non só celebra os éxitos dun investigador brillante, senón que reafirma o seu compromiso cunha medicina que, nacida en Galicia, fala para todo o mundo. O doutor súmase así a un cadro de honra de lendas da medicina galega, achegando a súa enerxía e a súa inquebrantable fe no progreso científico como motor de igualdade.

Martinón sucede no palmarés a Luis Paz-Ares, gañador da última edición. O acto de entrega do galardón terá lugar no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela o vindeiro 26 de xuño.

Más noticias

O grupo Xenética Psiquiátrica do IDIS descobre patróns xenéticos compartidos e diferenciais entre trastornos mentais mediante unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría

O grupo Xenética Psiquiátrica do IDIS descobre patróns xenéticos compartidos e diferenciais entre trastornos mentais mediante unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría

Este método, guiado polos datos, poderá axudar a mellorar a identificación en etapas iniciais dunha forma máis obxectiva e a comprender a presenza de distintos trastornos nunha mesma persoa

O principal beneficio potencial para clínicos e pacientes é avanzar cara a unha psiquiatría máis personalizada, na que as decisións diagnósticas e terapéuticas poidan adaptarse mellor ás características de cada persoa

ler máis
A investigadora Sonia Eiras recibe o VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía polo seu traballo sobre graxa epicárdica inflamada e anuncia a creación dun grupo multidisciplinar para acelerar a investigación

A investigadora Sonia Eiras recibe o VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía polo seu traballo sobre graxa epicárdica inflamada e anuncia a creación dun grupo multidisciplinar para acelerar a investigación

O traballo premiado afonda no coñecemento dos factores que favorecen a acumulación de graxa epicárdica inflamada para desenvolver métodos diagnósticos sinxelos e accesibles que permitan identificala precozmente e deseñar novas estratexias de prevención e tratamento
Acompañaron a premiada o presidente do Parlamento de Galicia e a alcaldesa de Santiago, ademais do presidente da Fundación Pública Galega IDIS, Ángel Facio e a directora científica do IDIS, M.ª Luz Couce

ler máis