Nova tese desenvolvida no IDIS sobre os avances para o tratamento da dexeneración macular asociada á idade

11 Setembro 2020

A investigadora do grupo de farmacia do IDIS e da USC, Andrea Luaces Rodríguez, presentou a súa tese doutoral titulada “Mellora da administración de fármacos no segmento ocular anterior e posterior: aplicación na cistinose ocular e na dexeneración macular asociada á idade”. O traballo céntrase na optimización do tratamento de dúas enfermidades oculares, unha doenza rara denominada cistinose ocular e a patoloxía de alto impacto socioeconómico dexeneración macular asociada á idade (DMAE).

Por unha banda, desenvolveu un hidroxel oftálmico de cisteamina o cal chegou a ser utilizado como formulación maxistral na maioría dos hospitais españois para tratar a pacientes pediátricos con cistinose ocular. Para iso, a súa tese recolleu unha ampla e estrita caracterización da formulación desenvolvida a cal presentou unhas mellores características en canto a tempo de permanencia, tolerancia, estabilidade e adherencia fronte á solución de cisteamina clasicamente empregada. O seu desenvolvemento tivo unha gran repercusión tanto a nivel científico como asistencial xa que permitiu o acceso ao tratamento a un maior número de pacientes e cunha redución do seu custo.

Doutra banda, estudou unha nova metodoloxía baseada na imaxe molecular para a determinación da farmacocinética de compostos administrados mediante a inxección intravítrea de medicamentos. Grazas a este método, e mediante técnicas avanzadas de radiomarcaxe de anticorpos, determinou o perfil farmacocinético dos anticorpos utilizados para o tratamento da DMAE en modelos animais, o cal proporcionou unha información moi valiosa para o establecemento de posoloxías de novos medicamentos intravítreos, así como para a caracterización de sistemas de liberación de medicamentos.

Neste sentido, ademais, iniciou unha liña de investigación cara ao desenvolvemento dun implante que permitirá unha liberación controlada dos anticorpos e desta forma diminuír o número de inxeccións intravítreas ás que os pacientes son sometidos. O tratamento da DMAE require que os pacientes reciban inxeccións intravítreas cada un ou dous meses coas asociadas reaccións adversas. Ademais, o alto custo destes tratamentos unido á alta incidencia da DMAE entre a poboación, fan que a posibilidade de ter un tratamento como o implante exposto teña un grande impacto tanto na calidade de vida dos pacientes como a nivel económico no ámbito sanitario.

Os resultados recollidos na súa tese doutoral deron lugar a cinco traballos publicados en prestixiosas revistas científicas de alto impacto no ámbito da investigación farmacéutica e no da oftalmoloxía, como o “ International Journal of Pharmaceutics” e “ Investigative Ophthalmology & Visual Science”. A Tese Doutora estivo dirixida por Francisco J. Otero Espinar, catedrático e decano da Facultade de Farmacia, e Anxo Fernández Ferreiro, especialista en Farmacia Hospitalaria e investigador Juan Rodes no Hospital Clínico Universitario de Santiago. Os traballos desenvolvéronse entre a Facultade de Farmacia da USC, o Servizo de Farmacia e o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela ( IDIS), contando coa colaboración da Unidade de Imaxe Molecular. Estas investigacións desenvolvéronse grazas a proxectos financiados pola Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria, Fundación Mutua Madrileña, Instituto de Saúde Carlos III e a Fundación A loita de Iker contra a cistinosis ocular.

Más noticias