O bullying na infancia e na adolescencia pode ter una impacto sobre a saúde na idade adulta

23 Xaneiro 2023

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro 2023.- O impacto que ten sobre a saúde na idade adulta o ter sufrido bullying na infancia centrou un estudo recentemente publicado na prestixiosa revista International Journal Traslational Medicine no que colaborou o investigador do IDIS Roberto Carlos Agis Balboa.

Condutas tales como insultos, ameazas, alcumes, rexeitamento e mesmo agresións físicas por parte de pares non é unha circunstancia illada. Cando se sofre tal tipo de experiencia repetidamente e/ou durante prolongados períodos, fálase de acoso escolar ou bullying. Os estudos sobre o acoso demostraron que é unha situación extremadamente difícil con ramificacións negativas sobre a saúde mental xa non só no contexto da súa ocorrencia senón tamén a longo prazo.

Por exemplo, hai evidencia de que aqueles que sufriron acoso escolar é máis probable que presenten problemas psicolóxicos como depresión e ansiedade na súa vida adulta. O impacto do acoso escolar pode explicarse polo feito de que supón unha ameaza á necesidade básica de ser aceptado e sentirse integrado no círculo social. Ao longo de todo o ciclo vital a conexión social positiva é importante para o benestar, pero durante os anos formativos poderíao ser aínda máis.

Así, non é sorprendente que teña un impacto non só na propia autopercepción ou identidade senón tamén nas relacións sociais e mesmo a nivel neurobiolóxico.

Por outra banda, o acoso escolar podería concibirse como unha clase de estrés tóxico sobre os sistemas neurobiolóxicos de resposta ao estrés con implicacións a longo prazo en aspectos como a reactividade psicofisiolóxica e/o maior proclividade a sufrir síntomas físicos diversos.

Aínda que hai evidencia clara sobre a relación entre acoso escolar e problemas emocionais a longo prazo, apenas hai estudos que explorasen a súa posible asociación cos problemas da personalidade salvo algúns que suxiren a súa asociación co denominado trastorno límite da personalidade. No traballo preguntámonos se, “entre pacientes adultos, sufrir acoso escolar na infancia/adolescencia asóciase con trazos da personalidade disfuncionais ou problemáticos a longo prazo como os que conforman os distintos trastornos da personalidade recoñecidos nas clasificacións psicopatolóxicas. Estes trazos considéranse disfuncionais por comprometer a adaptación e benestar” indica Roberto Carlos Agis Balboa.

 

Para responder a esta cuestión formáronse dous grupos de pacientes segundo referisen ou non sufrir acoso escolar. A través dun cuestionario e entrevista clínica comparouse a presenza de trazos disfuncionais da personalidade diversos en ambos os grupos.

O principal resultado do estudo foi que aqueles con antecedentes na súa infancia/adolescencia de acoso escolar era significativamente máis probable que cumprisen os criterios que se empregan para o diagnóstico de tres dos trastornos da personalidade: o evitativo, o depresivo e o paranoide.

De modo resumido, estes pacientes tendían a presentar maiores niveis de ansiedade social e anticipacións de rexeitamento, unha percepción máis devaluada de si mesmos, sentimentos de infelicidade crónicos e acusada tendencia á desconfianza nas relacións cos demais. Os resultados poden interpretarse como reflexo do papel do acoso no inicio de pautas de conduta e actitudes disfuncionais que poden prolongarse ao longo da vida e que comprometen o benestar. É importante destacar que por definición as persoas que participaron no estudo sufrían de problemas psicolóxicos para os que buscaran atención en saúde mental. As conclusións, por tanto, non poden xeneralizarse á poboación xeral.

É dicir, os pacientes con historia de acoso escolar do estudo probablemente terían unha traxectoria problemática ao longo da súa vida na que hipoteticamente o acoso puido xogar un papel relevante.

Con todo, é probable que moitas persoas que pasan por este tipo de circunstancia teñan traxectorias vitais moi diferentes e que mostren resiliencia fronte a esta adversidade. Por outra banda, aínda que se conciba como unha circunstancia de especial relevancia polo sinalado, non deixa de formar parte dun contexto no que pode haber outras moitas influencias importantes que poden mediar ou moderar o seu impacto: hai múltiples vías que levan a puntos finais de adaptación ou desadaptación e o impacto do acoso variará dentro do propio contexto xunto con outras condicións.

Ao longo dos anos houbo unha preocupación crecente por esta problemática con diversas investigacións que non só documentan a súa relevancia para os trastornos psicolóxicos, senón tamén centradas na eficacia das intervencións preventivas. Non en balde o acoso escolar considérase como unha prioridade nas políticas de saúde pública e hai evidencia da eficacia dos programas dirixidos a previr este tipo de condutas.

Traballo de investigación sobre bullying realizado por Rafael Fernández y Roberto Agís, do IISGS e do IDIS, respectivamente: https://www.mdpi.com/2673-8937/3/1/2

Más noticias

Un estudo sinala os lípidos en sangue como potenciais biomarcadores de COVID persistente

A investigación na que intervén persoal do IDIS, do CiQUS e da Facultade de Física da USC supón un avance na comprensión das secuelas desta patoloxía e abre a porta para mellorar o seu tratamento.

O achado, publicado recentemente en ‘Journal of Infection and Public Health’, foi posible grazas á colaboración entre persoal médico e investigador de distintos perfís.

ler máis