O IDIS co-organiza as 4ª Xornadas de Cardio-Onco-Hematoloxía: “Un só camiño” na mellora da atención aos doentes

20 Setembro 2024

  • Reúne aos principais profesionais de diferentes especialidades e contará na súa conferencia inaugural coa máxima responsable da Sociedade Europea de Cardioloxía
  • A consulta de cardio-oncohematoloxía compostelá atendeu a preto de 2.000 doentes
  • Presentarase o estudo Cardiotox, que busca predicir o risco de cardiotoxicidade inducido ou secundario a diferentes tratamentos antitumorais, de tal maneira que se poida prever, e sobre todo evitar, a aparición de efectos secundarios cardiovasculares de forma personalizada

 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024.- O servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza organiza, por cuarto ano, o encontro Cardio-Onco-Hematolóxico no salón de actos 1 do Hospital Clínico para debater e presentar as últimas novidades na asistencia e na investigación neste eido.

A xuntanza inaugúrase esta tarde polo persoal investigador do IDIS, José Ramón González Juanatey, Rafael López e Milagros Pedreira. Contará ademais coa presidenta do “council“ de Cardio-Oncoloxía da Sociedade Europea de Cardioloxía, Teresa López, referente internacional neste eido, que impartirá a conferencia inaugural “Cardio-oncoloxía 2024: Perspectiva desde a Sociedade Europea de Cardioloxía”.

Preto de 2.000 doentes teñen sido atendidos na consulta de Cardio-onco-hematoloxía compostelá desde a súa posta en marcha en 2018. Trátase dunha “unidade que agrupa a todos os profesionais implicados nos coidados destes pacientes, coa finalidade de mellorar a evolución e evitar as complicacións cardiovasculares que poden aparecer co tratamento oncohematolóxico e tamén para dar a atención adecuada aos enfermos con cardiopatía que desenvolven un problema oncohematolóxico.

“Son dous problemas que se interrelacionan entre si e que a día de hoxe son as principais causas de mortalidade no noso medio: a enfermidade cardiovascular e a enfermidade oncohematolóxica, pero sabemos ademais que ambas poden interactuar e que co diagnóstico e tratamento adecuados poden evitarse moitas desas complicacións e modificarse o prognóstico” abundou a doutora Pedreira.

Así pois, para acadar este obxectivo, a sanidade pública compostelá conta cun Proceso elaborado polos profesionais que interveñen nos coidados destes pacientes e que representa a atención transversal para mellorar a supervivencia e calidade de vida dos doentes. A doutora Pedreira, coordinadora da unidade, destaca especialmente o papel da enfermería “que é crucial na atención e xestión destes pacientes” e sinala o apoio de todas as áreas do servizo da cardioloxía con esta unidade.

Así mesmo, tamén están implicados neste proceso os profesionais de Atención Primaria, que asumen o seguimento a longo prazo dos pacientes estabilizados cunha estreita relación que permite unha atención áxil.

“Sen dúbida un esforzo grande por parte de todos: Hematólogos, Oncólogos Médicos e Oncólogos Radioterápicos, especialistas en Medicina Nuclear, Cardiólogos, e persoal de enfermería especializada que son o motor para que este proceso leve a cabo con éxito”, destaca o coordinador da área de oncoloxía do IDIS e xefe do Servizo de Oncoloxía Médica da área compostelá, Rafael López.

A atención complétase cunha área especial que é a da rehabilitación en cardiooncoloxía (RECO) coordinado por fisioterapeutas e coa supervisión de médicos rehabilitadores. Tamén conta coa participación de persoal de enfermería, psicoloxía, nutricionista, e coordinado por cardioloxía coa finalidade de mellorar a calidade de vida destes pacientes.

Neste 4º encontro vanse tratar múltiples temas da cardiooncohematoloxía e achégase a experiencia tanto na organización como no diagnóstico e o tratamento das complicacións co obxectivo final de ampliar o coñecemento e contribuír a unha mellor atención aos pacientes.

Estudo Cardiotox PMP

Entre os temas a abordar neste encontro, está o Estudo Cardiotox PMP, que busca predicir o risco de cardiotoxicidade inducido ou secundario a diferentes tratamentos antitumorais, de tal maneira que se poida predicir, e sobre todo evitar, a aparición de efectos secundarios cardiovasculares de forma personalizada, xa que a toma de decisións adecuada nesta situación vai ser de gran transcendencia para o paciente.

Analiza unha serie de variables clínicas, de laboratorio, como son os biomacardores clásicos e novos biomarcadores, que xunto coas técnicas de imaxe, e o estudo xenético, permitarán detectar e previr esa posible cardiotoxicidade Trátase dun estudo multicéntrico, nacional, coa participación de diferentes hospitais que contan con proceso de Cardio-Oncoloxía e con grupos de investigación, liderados polo servizo de Cardioloxía compostelán e dirixido por José Ramón González-Juanatey e, na área da xenética, por María Brión coa colaboración dos servizos de Oncoloxía e Hematoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e o grupo de investigación en Cardioloxía do IDIS.

A incorporación de pacientes finalizará en marzo 2025 e, posteriormente, a análise de todas as variables e características permitirá identificar aos pacientes con risco de cardiotoxicidade, o que implicará que se poidan aplicar medidas terapéuticas de xeito personalizado. Polo de agora, o equipo santiagués é o que ten incorporado maior número de pacientes, 70 dun total de 100. A media de idade deste grupo é de 60 anos, 40% de homes e 60% de mulleres, cuxos factores de risco máis frecuentes son hipertensión e hipercolesterolemia (compartidos, como se sabe, coas enfermidade cardiovasculares). Un terzo estaban xa diagnosticados de enfermidade cardiovascular previa e por tanto era unha poboación de alto risco. Os tumores máis frecuentes son Ca mama (38%) , Ca colorectal (12%) e en terceiro lugar linfomas (9%). Ata a data a incidencia de cardiotoxicidade foi baixa ( 3.2%) pero trátase de resultados preliminares que requiren maiores análises para sacar conclusións definitivas. Este estudo esta financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, Subdirección Xeral de Avaliación e Fomento da Investigación e pola Unión Europea

“Sen dúbida trátase dun proxecto moi ambicioso, que representa á perfección as vantaxes do traballo en equipo: clínicos, investigadores, expertos en imaxe, xenética, e estatísticos, entre outros, cuxos resultados permitirannos aplicar diferentes algoritmos e puntuacións de risco que poden representar un paso de xigante no tratamento destes pacientes”, destaca a doutora Pedreira.

Ademais, neste 4º encontro de Cardio-Onco-Hematoloxía presentaranse novos tratamentos en cancro de mama e outras patoloxías, a protonterapia e as novas técnicas de imaxe para estudo de cardiotoxidade mediante a imaxe cardíaca avanzada e a imaxe molecular. Tamén haberá espazo para a revisión e análise dunha patoloxía cada vez máis prevalente no noso medio como é a amiloidose e a aplicación práctica das Guías Europeas de Cardio-Oncoloxía. Mostrarase tamén a análise de diferentes estudos de prevención de cardiotoxicidade actualmente concluídos cunha posta ao dia da investigación neste campo e revisaránse casos clinicos de alta complexidade coas diferentes alternativas diagnósticas e terapéuticas.

“Este 4 º encontro permitiranos unha vez mais un gran intercambio de coñecementos e experiencias das distintas disciplinas que interveñen no tratamento destes pacientes, intercambio que resulta moi enriquecedor, e que representa o que supón a medicina e o traballo en equipo de forma transversal co único obxectivo de mellorar a atención aos nosos pacientes”, subliña González- Juanatey.

Más información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias