Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024.- O cancro de pulmón de células pequenas (CPCP) é un dos tipos de cancro máis agresivos e de maior letalidade que existen. Co fin de mellorar a superviviencia e calidade de vida dos doentes, presentouse en Madrid o proxecto SOSCLC “Cancro de pulmón microcítico: das redes biolóxicas á terapia a medida” financiado pola Asociación Española Contra o Cancro e no que participa o IDIS, e que conseguiu unha das maiores adxudicacións de axudas en cancro de baixa superviviencia por 9 millóns de euros. O proxecto está liderado por Luis Paz Ares, do Hospital 12 de outubro, e Marcos Malumbres, do Hospital Vall d’Hebrón.
Trátase dun dos dous proxectos financiados na convocatoria Reto 70 %, dirixida a tumores con baixa supervivencia co obxectivo de mellorala e superar esa porcentaxe a medio prazo. O proxecto no que participan máis de 20 hospitais españois e 200 investigadores, está dirixido a cancro de pulmón de célula pequena ou microcítico e estrutúrase en cinco áreas de traballo, unha delas centrada en epidemioloxía, distribución e factores de risco deste tumor.
Esta primeira liña de traballo está liderada polo investigador do IDIS e catedrático da USC, Alberto Ruano, e polo Xefe de Servizo de Oncoloxía de Porta de Hierro, Mariano Provencio Pulla. O proxecto pretende coñecer a distribución, tendencias e carga deste tumor a nivel nacional e analizar o efecto de diversos factores de risco como a ocupación ou a exposición a radon neste tumor. “Trátase da convocatoria máis ambiciosa que houbo en España para a investigación en cancro, cun financiamento de 9 millóns de euros no próximos cinco anos para dous proxectos de investigación en convocatoria competitiva, este é un de eles”, explica o investigador e catedrático Alberto Ruano.
O cancro de pulmón microcítico
O cancro de pulmón de células pequenas (CPCP) é un dos tipos máis agresivos e mortais de cancro. Medra rapidamente, disemínase moi pronto e responde mal aos tratamentos. “Na maior parte dos casos diagnostícase cando xa está estendido e nese caso, só o 3 % dos doentes vive máis de cinco anos. Aínda que o tabaquismo é o principal factor de risco, hai outros posibles factores ambientais e ocupacionais aínda pouco estudados”, explica o investigador do IDIS.
Alberto Ruano dirixiu previamente un proxecto do Instituto de Saúde Carlos III específico sobre cancro microcítico, concedido ao IDIS, e que ademais foi o primeiro realizado sobre cancro de pulmón microcítico con colocación de detectores de radon no domicilio dos pacientes. Adicionalmente, neste estudo previo realizouse o primeiro estudo de asociación xenómica completa, realizado polo CEGEN. Deste estudo deriváronse numerosas publicacións en revistas internacionais.
Consorcio SOSCLC
Por primeira vez en España, creouse un consorcio chamado SOSCLC composto por máis de 200 investigadores e coordinado por Luis Paz Ares, xefe de servizo de Oncoloxía Médica do Hospital 12 de Outubro, e Marcos Malumbres, do Instituto de Oncoloxía (VHIO) do Hospital Vall d’Hebron.
Este consorcio inclúe a investigadores nacionais e internacionais, ademais de diversas asociacións e empresas dedicadas á investigación do cancro de pulmón. O principal obxectivo é mellorar a supervivencia e a calidade de vida dos pacientes estudando a distribución e os factores de risco do CPCP en España, analizar as alteracións celulares e como os tumores evaden o sistema inmunitario co fin de desenvolver novas estratexias terapéuticas.
O traballo tamén pretende involucrar aos pacientes na investigación e aumentar a concienciación social sobre a enfermidade. Co apoio da Asociación Española Contra o Cancro, este consorcio pretende mellorar o coñecemento e tratamento do CPCP, así como incrementar a participación dos pacientes na investigación e a súa visibilidade social.