Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024.- O investigador do IDIS e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano, dirixirá a nova Cátedra Institucional de Saúde Ambiental adscrita á Universidade de Santiago que se presentou esta mañá no Pazo de Fonseca. A inauguración chega tras a firma dun convenio coa Consellería de Sanidade co fin de mellorar e promover a saúde da cidadanía respecto a saúde ambiental e patoloxías respiratorias, así como valorar o impacto do cambio climático e a calidade do aire exterior e interior.
Durante a presentación, o director da cátedra, Alberto Ruano, foi o encargado de explicar as actividades para desenvolver no marco desta iniciativa institucional, ademais de advertir da necesidade de que os países “cambien os seus patróns produtivos e de consumo a situacións de emisión neutra, sen esquecer a xustiza para os países en desenvolvemento que teñen dereito ao progreso”, nas súas palabras. Ademais, aproveitou para agradecer o traballo levado a cabo por todo o seu equipo, no que se atopan as investigadoras do IDIS Mónica Pérez Ríos e Leonor Varela Lema.
A través desta nova cátedra preténdese valorar o impacto do cambio climático e da calidade do aire exterior e interior, incluíndo o radón ou o fume ambiental do tabaco, na saúde da poboación galega. A presentación institucional contou cunha conferencia impartida por Miquel Porta Serra, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública.
“Fronte a novos fenómenos emerxentes, como os microplásticos ou os cambios nos patróns das enfermidades transmitidas por vectores, non hai lugar para o negacionismo climático nin para a condescendencia e cada xesto conta”, manifestou Ruano, investigador do IDIS e do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais dá USC (CRETUS).
O reitor Antonio López subliñou que esta cátedra é “unha iniciativa nova no ámbito estatal” e que serve para “achegar o coñecemento universitario á cidadanía” e manter a colaboración coa Consellería “para formar novos profesionais sanitarios” e “estudar, difundir e coñecer as influencias das condicións ambientais na saúde das persoas”. Destacou ademais a “longa tradición de colaboración” entre Sanidade e a USC e apostou por “seguir avanzando” nela, con actividades de formación, investigación e asistencia.
Pola súa banda, o conselleiro Antonio Gómez Caamaño indicou que a galega é “a mellor sanidade pública de España”, entre outras razóns por estar “sustentada no traballo dos investigadores” e avogou porque a nova cátedra sirva para “detectar novos riscos para a saúde das persoas” e para que o traballo da comunidade investigadora permita “continuar mellorando as políticas de saúde pública en Galicia”.
O evento celebrado no Salón Noble do Pazo de Fonseca estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo Costa, entre outras autoridades.
Mapa do radón e fume ambiental de tabaco
Entre as numerosas actividades a desenvolver pola cátedra, e en particular sobre o radón, o seu director avanzou a ampliación do Mapa de Radón de Galicia “con polo menos 300 medicións anuais” e o final dun novo buscador interactivo da súa concentración nos ámbitos provincial, comarcal, municipal e por sección censual.
No que respecta ao fume ambiental de tabaco, as últimas investigacións dirixidas polo equipo investigador do IDIS demostraron que en España prodúcense anualmente máis de 2.000 falecementos por esta causa. “Estes resultados serven para xerar evidencia científica e que os lexisladores poidan tomar medidas para protexernos”, sinalou.
A cátedra está tamén traballando no podcast “Epidequé” sobre cuestións que afectan á saúde ambiental, así como nunha ferramenta para concellos que especifique un conxunto mínimo de indicadores ambientais que deberían ter en conta nas súas políticas locais para ser municipios responsables desde un punto de vista ambiental. Tamén dirixido aos concellos, crearase unha infografía coa finalidade de protexer a poboación máis vulnerable en contornas rurais da exposición á biomasa procedente das cociñas de leña ou lareiras.