O proxecto “COGNISANCE” inicia a fase de recrutamiento de personas maiores para investigar o deterioro cognitivo no alzhéimer

20 Setembro 2024

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024.- O proxecto “COGNISANCE” impulsado polo IDIS e o IIS Galicia Sur arrinca a fase de recrutamento de residentes en Santiago de Compostela. O pasado 12 de setembro tivo lugar unha reunión na residencia de maiores Fundación José Otero – Carmela Martínez, xestionada por Domus Vin en Santiago, para iniciar a selección de participantes. O estudo está coordinado polo o Dr. Roberto Agís do grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do IDIS, xunto aos investigadores do IIS Galicia Sur e o Servizo de Neuroloxía do CHUS que lidera o doutor José María Prieto González.

Despois de conseguir a aprobación por parte do Comité de ética da investigación de Santiago-Lugo e o consentimento das persoas residentes, o equipo do proxecto comezará a incorporalas en diferentes grupos: “un grupo de persoas maiores sen deterioro cognitivo, un grupo con deterioro cognitivo leve e un grupo con deterioro cognitivo máis severo ou demencia”, sinala o investigador Roberto Agís. A través da recollida de mostras de sangue e as gravacións de voz, a residencia de Santiago de Compostela será a primeira de DomusVi que participará no proxecto que, posteriormente, expandirase a outros centros residenciais da compañía como San Lázaro, Lalín, Noia ou Ribeira.

O estudo “Avaliación da deterioración cognitiva (screening e progresión) usando intelixencia artificial e biomarcadores epigenómicos en poboación de anciáns” pretende valorar se os cambios no estilo de vida dunha persoa poderían ser detectados como cambios de expresión moleculares e/o nos niveis de certas proteínas relevantes. O obxectivo principal é descubrir se esta correlación existe e se eses elementos poderían servir como biomarcadores para estratificar doentes con deterioro cognitivo en diferentes fases: presintomática, deterioro cognitivo leve e demencia.

Crese que o deterioro cognitivo en pacientes con alzhéimer podería predicirse anos ou décadas antes da aparición dos síntomas clínicos da demencia, o que permitiría tomar medidas con moita antelación e evitar o avance da enfermidade. “As firmas fisiolóxicas e moleculares, que se manifestan a través de cambios nos niveis de biomarcadores dos fluídos corporais, como o sangue e o tecido cerebral, por exemplo, poderían proporcionar pistas suficientes de alteracións cognitivas antes da aparición do deterioro cognitivo asociado ao envellecemento”, explica o Dr. Roberto Agís.

Biomarcadores e intelixencia artificial

Os investigadores de COGNISANCE traballan en dous subproyectos, un dirixido desde o IDIS por Roberto Agís Balboa, e outro desde o IIS Galicia Sur, por César Veiga. O primeiro está baseado en biomarcadores en sangue para detectar alteracións cognitivas antes de que aparezan os síntomas; mentres que o segundo emprega datos e intelixencia artificial (IA) co fin de mellorar a precisión no diagnóstico e prognóstico destas patoloxías.

O estudo desenvólvese mediante unha novidosa técnica denominada SIMOA™ (Single-Molecule Array) para estudar os posibles biomarcadores relacionados co deterioro cognitivo en sangue pois xa hai datos robustos de biomarcadores en líquido cefalorraquídeo – LCR (ex. amiloide, tau…). “O SIMOA permítenos detectar tan só 0,1 pg/mL de proteína en fluídos corporais como o sangue, permitindo diagnósticos máis temperáns e rápidos; avaliar a resposta aos tratamentos e automatizar as determinacións, entre outros aspectos”, indica José Mª Prieto, xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

“Con estes datos, os algoritmos de IA poderían ser usados para identificar e estratificar a deterioración cognitiva en pacientes para intervencións clínicas personalizadas a cada persoa, medicina de precisión, segundo as súas condicións particulares”, sinala César Veiga. Ademais, o proxecto contempla a aprendizaxe en continuo para engadir en tempo real datos e mellorar continuamente a predición do modelo.

Desta maneira, este traballo non só responderá a unha pregunta fundamental, contribuíndo así á investigación básica sobre a enfermidade de Alzheimer, “senón que tamén proporcionará unha valiosa ferramenta de diagnóstico para o tratamento de pacientes con deterioro cognitivo durante a vellez”, sinalan os investigadores.

Para máis información e/ou entrevistas:

Roberto Agís (IDIS) roberto.carlos.agis.balboa@hotmail.com

José María Prieto (Servizo de Neuroloxía do CHUS): josemaoscar.prieto@usc.es

César Veiga (IIS Galicia Sur) cesar.veiga@iisgaliciasur.es

Más información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias