Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024.- A depresión é un trastorno psiquiátrico complexo no que interveñen múltiples factores psicosociais, xenéticos, epixenéticos e biolóxicos. Co fin de atopar biomarcadores que faciliten o diagnóstico desta patoloxía, o grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) publicou recentemente un estudo titulado “Niveis plasmáticos de cadea lixeira de neurofilamentos no trastorno depresivo maior: breve informe de investigación” na prestixiosa revista Frontiers in Psychiatry.
O estudo do IDIS está liderado polos investigadores Carlos Fernández Pereira, Roberto Agís Balboa e José María Prieto, este último xefe do Servizo de Neuroloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. O obxectivo da investigación é detectar pequenas variacións nos niveis de neurofilamento de cadea lixeira (NFL), unha proteína do sistema nervioso que pode ser indicativo de dano axonal e que se usaría como biomarcador para a detección precoz de procesos depresivos. “Este achado permitiría unha estimación ou cuantificación do potencial dano cerebral, a monitorización e resposta ao tratamento, facendo posible así unha predición do curso clínico no trastorno depresivo maior”, sinala Roberto Agís.
Actualmente, o diagnóstico da depresión e doutras condicións psiquiátricas baséase nunha serie de escalas subxectivas que avalían a sintomatoloxía dos pacientes. “En cambio, esta investigación apóiase nos biomarcadores periféricos (moléculas, xenes, proteínas) que poden ser medibles de forma obxectiva para reflectir un estado fisiolóxico alterado ou patolóxico, neste caso, o biomarcador que escollemos é o neurofilamento lixeiro”, explica o primeiro autor do traballo, Carlos Fernández.
Esta investigación únese á avaliación doutras proteínas que posúen potencial como biomarcadores na depresión, como a hormona do factor de crecemento da insulina IGF-2. “No mesmo contexto, varios proxectos en marcha do grupo ITEN están a usar a tecnoloxía SIMOA para o estudo das demencias e da esclerose múltiple, agardamos resultados prometedores nun futuro non moi afastado”, apuntan os investigadores.
Niveis de neurofilamento lixeiro (NFL)
Os niveis de NfL atopáronse alterados en enfermidades neurodexenerativas como a enfermidade de Alzheimer, Párkinson ou a esclerose múltiple, tanto en líquido cefalorraquídeo como en sangue. Con todo, o estudo do NfL periférico en trastornos psiquiátricos aínda non é suficientemente coñecido. “Neste caso, centrámonos no estudo de doentes con trastorno depresivo maior, baseándonos non só en que supón un potencial factor de risco para outras enfermidades neurolóxicas, senón tamén pola relación existente coa función cognitiva”, explican.
“No presente estudo, non detectamos unha alteración estatisticamente significativa nos niveis de NFL nos pacientes con diagnóstico de depresión maior, a pesar dunha clara tendencia á alza con respecto ao grupo control”, apuntan desde o equipo investigador. Na literatura científica atopáronse resultados dispares, sendo que algúns estudos mostran niveis elevados de NFL en depresión comparado con controis sans, mentres que noutros non se viron cambios. En ningún caso se atoparon niveis reducidos. Algúns motivos que poden explicar estas diferenzas son o tamaño mostral, o tipo de técnica experimental empregada, aspectos demográficos como a idade, a distribución de sexos ou o índice de masa corporal, así como o estadio ou a severidade sintomatolóxica da depresión.
O tratamento farmacolóxico supón tamén un aspecto fundamental no estudo de biomarcadores nos trastornos psiquiátricos, por exemplo, como no caso de antipsicóticos no estudo de esquizofrenia. “Aspectos como o tipo de tratamento antidepresivo, a dose ou a combinación con outros fármacos como os antipsicóticos ou as benzodiacepinas, é de vital importancia á hora de analizar a súa potencial influencia nos niveis periféricos de NFL”, explican.
Técnica SIMOA
Dado que o neurofilamento lixeiro se atopa unhas corenta veces máis diluído en sangue, inicialmente tomábanse mostras do liquido cefalorraquideo. O proceso de obtención da mostra requiría dun procedemento denominado punción lumbar, un método altamente invasivo e incómodo para o paciente. Neste contexto, e grazas á técnica SIMOA, “é posible medir a concentración do neurofilamento lixeiro de maneira precisa en tecidos periféricos como o soro ou o plasma, simplemente a través dunha extracción de sangue”, explican. Esta metodoloxía de adquisición da mostra é moito máis rápida, barata e notablemente menos invasiva para os pacientes.
Trátase do primeiro estudo realizado en España en medir os niveis periféricos de neurofilamento lixeiro en pacientes con depresión, empregando a tecnoloxía SIMOA. O Grupo ITEN do IDIS xestiona o SIMOA HD-XTM Automated Immunoassay Analyzer, o único equipo automatizado de Galicia e Noroeste. Deste tipo, só existen seis instalados en España e agora preténdese crear unha Plataforma SIMOA para dar servizo á demanda do IDIS, doutros centros de investigación e, mesmo, das empresas.
Referencia ao artigo publicado en Frontiers in Psychiatry https://www.frontiersin.org/journals/psychiatry/articles/10.3389/fpsyt.2024.1476248/abstract
Máis información sobre o IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.