O equipo, dirixido por Rosaura Leis, foi recoñecido especialmente pola súa sólida traxectoria na abordaxe e prevención da obesidade infantil
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025.- O Grupo de Investigación de Nutrición Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) foi distinguido na XVI edición do Premio Luis Noé Fernández 2025 na categoría de Nutrición. Este galardón, convocado anualmente pola Fundación Alimerka, recoñece iniciativas de alto impacto nos ámbitos da nutrición, a asistencia alimentaria e a loita contra a fame.
O equipo investigador dirixido pola doutora Rosaura Leis, presidenta da Fundación Española da Nutrición (FEN), foi recoñecido especialmente pola súa sólida traxectoria na abordaxe e prevención da obesidade infantil. O xurado puxo en valor un traballo que se caracteriza por un enfoque multidisciplinar, integrador e comprometido coa sociedade. Tamén destacaron a súa contribución á divulgación científica e á formación en hábitos saudables, dirixida tanto a profesionais como á poboación xeral.
A cerimonia de entrega do premio celebrarase o próximo 3 de decembro no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo.
 
				


