Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026.- O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acolleu este luns a entrega do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades valvulares cardíacas”, un galardón que recaeu nesta sétima edición no proxecto presentado polo equipo que lidera a Dra. Sonia Eiras Penas. O premio, que inclúe unha dotación económica de 30.000 euros e galardón acreditativo, foi entregado polo empresario e mecenas Ramiro Carregal.
A gala contou coa asistencia, ademais do empresario e da premiada, do Dr. José Ramón González Juanatey, presidente de honra do Xurado; da Dra. Pilar Mazón, xefa do servizo de Cardioloxía do CHUS; do Dr. Ángel Facio, xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e presidente da Fundación Pública Galega de Investigación IDIS; do Dr. Luis León Mateos, xerente do Sergas; da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do
presidente do Parlamento de Galicia, Miguel A. Santalices.
O xefe do Lexislativo autonómico asegurou que “Galicia pode sentirse orgullosa dunha comunidade investigadora que compite ao máximo nivel internacional” e cualificou a premiada de “exemplo de rigor, de perseverancia e de vocación”.
Os doutores José Ramón González Juanatey e Pilar Mazón destacaron tamén o traballo da premiada e o exemplo do empresario, á vez que lembraron a importancia da implicación de toda a sociedade na investigación e a enorme relevancia que ten Santiago e Galicia neste ámbito non só a nivel nacional senón tamén internacional.
A premiada Sonia Eiras Penas, investigadora líder do grupo de Cardioloxía Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), recoñeceu tamén o mecenado de Ramiro Carregal que cualificou como “un exemplo destacado de apoio á innovación e ao desenvolvemento de proxectos científicos orientados a mellorar a saúde cardiovascular e a calidade de vida da sociedade”, así como o apoio de destacados expertos e mentores que a acompañaron ao longo das distintas etapas da súa traxectoria científica.
Así mesmo, Eiras Penas explicou que o traballo premiado, sobre a graxa que rodea o corazón na enfermidade cardiovascular, “débese ao traballo dun equipo entusiasta e multidisciplinar que integra investigadores básicos, translacionais e clínicos. Isto permite acelerar o desenvolvemento de estratexias orientadas a mellorar a prevención e o tratamento personalizado das enfermidades cardiovasculares”.
Equipo multidisciplinar para traballar sobre graxa epicárdica
En 1994, o investigador Jeffrey Friedman revolucionou o coñecemento sobre a obesidade ao demostrar que o tecido adiposo, ou graxa corporal, non é unicamente unha reserva de enerxía, senón tamén un órgano capaz de producir hormonas. Entre elas destaca a leptina, unha molécula que informa o cerebro sobre as reservas enerxéticas do organismo e axuda a regular o apetito e o peso corporal.
Con todo, nas persoas con obesidade este mecanismo pode alterarse. Aínda que aumenta a produción de leptina, o organismo desenvolve resistencia á súa acción, favorecendo procesos inflamatorios e alteracións celulares que poden afectar o funcionamento normal do corazón e aumentar o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares.
O sobrepeso e a obesidade están presentes no 70 % dos pacientes con patoloxía cardiovascular. Ademais, a graxa pode acumularse ao redor do corazón, formando o denominado tecido adiposo epicárdico. Cando este tecido se inflama, pode influír directamente sobre a estrutura e a función cardíacas, contribuíndo á aparición e progresión de distintas enfermidades cardiovasculares.
Os avances en técnicas de imaxe médica, a caracterización molecular de mostras biolóxicas e o desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial permiten identificar os pacientes con graxa epicárdica inflamada e, por tanto, cun maior risco cardiovascular. Estas tecnoloxías abren a porta a unha medicina máis precisa e personalizada, baseada nas características biolóxicas de cada paciente.
“O obxectivo deste proxecto consiste en afondar no coñecemento dos factores que favorecen a acumulación de graxa epicárdica inflamada, desenvolver métodos diagnósticos sinxelos e accesibles que permitan identificala de forma precoz e deseñar novas estratexias para a súa prevención e tratamento”, explicou Sonia Eiras.
“Para iso, constituirase un equipo multidisciplinar integrado por profesionais de investigación básica, translacional e clínica de atención primaria, endocrinoloxía, cardioloxía, cirurxía cardíaca, histoloxía, anatomía patolóxica e intelixencia artificial, pertencentes á Fundación Pública Galega IDIS, SERGAS, CIBERCV e á Universidade de
Santiago de Compostela, agrupados en centros de referencia e organizacións como IDIS, CIMUS, CITIUS e Área Sanitaria de Santiago de Compostela-Barbanza. Así mesmo, promoverase a incorporación de novas entidades colaboradoras co obxectivo de acelerar a investigación e trasladar os seus resultados a solucións innovadoras e accesibles para toda a sociedade.”, anunciou a premiada.



