Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024.- A Fundación BIOTYC co patrocinio de Boehringer Ingelheim, dentro da aposta polo fomento da investigación e a innovación, concederon conxuntamente a bolsa de Innovación en Farmacia Hospitalaria centrada no paciente, no marco do proxecto Universo Fharma, un concurso para proxectos innovadores en farmacia hospitalaria nos que os 5 finalistas expuxeron as súas ideas, sendo estas avaliadas por un xurado presidido por José Manuel Martínez Sesmero.
Baixo o compromiso conxunto coa investigación e a innovación, a Fundación BIOTYC e Boehringer Ingelheim uniron forzas para conceder a bolsa de Innovación en Farmacia Hospitalaria centrada no paciente. D. José Manuel Martínez Sesmero, antigo director de innovación da SEFH e en representación dos membros do xurado e da organización, destaca a importancia de Universo Fharma na promoción destas estratexias, recoñecendo “o traballo de todos os proxectos presentados e felicitando aos participantes”. “Todos estes proxectos innovadores exploran novas vías para optimizar os tratamentos, mellorar a eficiencia e garantir a seguridade dos pacientes”. Do mesmo xeito, destaca que “este proxecto é algo máis que un concurso de ideas, posto que pretende contribuír á transformación cultural do noso sector xerando un entorno colaborativo, baseado na innovación aberta e co obxectivo de construír retos útiles de innovación”.
O premio, dotado con 8.000 euros, foi para o proxecto “Unidade de investigación e innovación como eixo de crecemento e eficiencia dos servizos de farmacia hospitalaria”, presentado por Anxo Fernández Ferreiro do IDIS. O equipo gañador na recollida do premio da bolsa recoñece “o esforzo realizado na organización destes premios, defendendo a importancia da aposta pola innovación para a mellora continua da nosa asistencia sanitaria”. Esta bolsa foi concedida por Anna Torrent, responsable de Innovación Dixital de Boehringer Ingelheim España, quen destaca que “é fundamental a aposta por proxectos innovadores que poñan ao paciente no centro. Ao crear valor a través da innovación, temos a oportunidade de mellorar a vida de miles de persoas”.
A farmacia hospitalaria xoga un papel fundamental para garantir a dispoñibilidade ou xestión eficaz dos medicamentos, entre outros, e todos estes proxectos abordaron aspectos fundamentais no ámbito da farmacia hospitalaria, propoñendo solucións para mellorar a asistencia sanitaria nos ámbitos hospitalarios.
Esta bolsa foi posible grazas ao patrocinio de Boehringer Ingelheim coa organización da Fundación BIOTYC, co aval da SEFH. Estas entidades recoñecen a importancia de apoiar iniciativas que promovan a excelencia no ámbito da farmacia hospitalaria e animan aos participantes a seguir innovando e mellorando a súa investigación.
Máis información sobre IDIS
O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) naceu en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III dende o ano 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.213 profesionais, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos recadados no último ano, o IDIS contribúe co seu traballo ao incremento do coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.