Investigadores do IDIS logran o primeiro premio Zendal de investigación

27 Novembro 2019

Investigadores do grupo GenVip, do Instituto de Investigación de Santiago, coordinado por Federico Martinón-Torres, e Antonio Salas, reciben esta tarde en Vigo o premio internacional Zendal de investigación.

O grupo de investigación GenVip (Genetics, Vaccines, Infecctions and Pediatrics Research Group) situado no Hospital Clínico Universitario de Santiago foi recoñecido polo seu labor no ámbito da investigación en enfermidades infecciosas e as vacinas en idade pediátrica. Ao galardón concorrían centros de gran prestixio internacional, como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa, Centre for Research in Biological Chemistry and Molecular Materials (CiQUS), Cornea Proyect S.L e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

Zendal premia así o seu labor investigador e traslacional. GenVip é un grupo novo e multidisciplinar que integra pediatras, biólogos, xenetistas, farmacéuticos, matemáticos, bioinformáticos, enfermeiros, etc.

Nestes últimos dez anos, o grupo de investigación galardoado conseguiu sete macro-proxectos europeos. É, ademais, Centro Colaborador da Organización Mundial da Saúde en Seguridade Vacinal, sendo o único destas características en Europa. O equipo de investigación creou tamén unha unidade de ensaios clínicos de excelencia para vacinas e antiinfecciosos que desenvolveu máis de 70 ensaios clínicos desde Fase 1 que incluíron a máis de 2.000 pacientes galegos. O grupo creou e coordina a Rede Española de Ensaios Clínicos Pediátricos (RECLIP). Ademais, o Servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago onde se integra GENVIP recibiu por segundo ano consecutivo o premio BIC á mellor unidade de infecciosas de España. En palabras do doutor Martinón, “este premio representa un gran estimulo para continuar facendo o que facemos no noso grupo de investigación. Somos un grupo novo e multidisciplinar, pero maduro, no que conflúe unha aposta transgresora do Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago a través do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, coa investigación ao servizo do paciente pediátrico. Cremos que a excelencia asistencial é só posible a través da excelencia investigadora”.

A súa proxección no ámbito da produción científica, con máis de 300 traballos e un factor impacto superior a 3.000, enfocada no avance do coñecemento das bases xenéticas das infeccións pediátricas. Segundo o profesor Salas, “abordamos o estudo da bioloxía das enfermidades infecciosas e as vacinas desde o punto de vista das ciencias ómicas, que integran sub-disciplinas como a xenómica, a transcriptómica, a epigenómica e a proteómica. Facemos unha abordaxe integral da bioloxía do hóspede, incluíndo estudos funcionais e de edición xénica, que nos permite deducir os seus patróns de susceptibilidade a distintas patoloxías infecciosas”.

A cerimonia de entrega que se celebra hoxe, 27 de novembro, ás 19:00 h na Fundación Barrié de Vigo.

Más noticias