A Xornada celebrada este luns no CHUS, en colaboración co PERTE para a Saúde de Vangarda e o Instituto de Saúde Carlos III, serviu para coñecer o avance dalgúns dos principais proxectos do instituto compostelán
María Luz Couce, directora científica do IDIS, asegura que o reto agora é seguir sumando alianzas e recursos para que a investigación cumpra o seu fin último: mellorar a saúde das persoas
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026.– Santiago acolleu este luns a xornada científica “Medicina personalizada e colaboración público-privada en investigación sanitaria”, organizada polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) en colaboración co PERTE para a Saúde de Vangarda e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).
A inauguración da xornada correu a cargo de Ángel Facio, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; M.ª Luz Couce, directora científica do IDIS; Raquel Yotti, comisionada do PERTE para a Saúde de Vangarda; Manuel Cuenca, subdirector xeral de Avaliación e Fomento da Investigación do ISCIII, e Antonio Gómez Caamañou, conselleiro de Sanidade, quen destacou o compromiso da Xunta coa investigación sanitaria, que se reflicte nos orzamentos de 2027, nos que se destinan 83,2 millóns de euros a este ámbito, incluídos os 50,7 millóns correspondentes aos orzamentos das fundacións de investigación sanitaria. Esta dotación busca reforzar a capacidade investigadora do sistema público e favorecer que os avances científicos se traduzan en melloras na atención aos pacientes. E neste obxectivo enmárcanse os proxectos presentados nesta xornada, “iniciativas que se están desenvolvendo en Galicia para impulsar a medicina de precisión”.
Ángel Facio quixo “pór en valor o traballo de investigación básica, clínica, pero sobre todo translacional que se leva a cabo, na nosa área sanitaria, neste Hospital Universitario, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e na Universidade. Isto, xunto a empresas privadas que están no noso contorno, forman un ecosistema compostelán moi orientado á investigación, que é a nosa marca de identidade: conseguir facer unha práctica clínica excelente, da man da investigación”.
Para María Luz Couce, directora científica do IDIS, o reto agora é seguir sumando alianzas e recursos para que a investigación cumpra o seu fin último: mellorar a saúde das persoas. “A clave está en que todos sumemos nun obxectivo únenos por igual: conseguir os mellores resultados para os pacientes”, asegurou Couce Pico.
Manuel Cuenca, subdirector xeral de Avaliación e Fomento da Investigación do ISCIII anunciou o incremento de fondos que permitirá “aumentar os proxectos financiados dos 400 actuais a 600, de modo que entrarán moitos investigadores que quedaron a un punto na última convocatoria”.
Raquel Yotti, comisionada do PERTE para a Saúde de Vangarda, destacou o traballo conxunto de estado e comunidades autónomas que se suma ao do persoal clínico e investigador para xerar “un espazo de colaboración real no que é importante a colaboración público-privada, pero tamén a público-pública, ás veces máis difícil e fundamental a día de hoxe para responder aos ambiciosos obxectivos que temos por diante”. Sobre todo iso profundou na súa conferencia inaugural “A Medicina Personalizada e a colaboración público-privada como eixos estratéxicos”.
Medicamento Personalizado de Precisión
A continuación, celebráronse dúas sesións. Na primeira presentáronse tres proxectos de Medicina Personalizada de Precisión que desenvolve o IDIS. A primeira en intervir foi a directora científica do Instituto, M.ª Luz Couce, que presentou Cringenes, o proxecto piloto de cribado neonatal xenómico no que participan nove comunidades autónomas co fin de mellorar significativamente a detección e tratamentos de enfermidades pediátricas graves. “O cribado tradicional detecta entre 11 e 44 enfermidades. Coa análise xenómica poderiamos superar este límite xa que o 80 % das enfermidades raras son de orixe xenética”, destacou a Dra. Couce Pico.
Outro dos grandes proxectos que lidera o IDIS a través da investigadora Manuela Gago é MamoRISK, o modelo multifactorial de predición de risco de cancro de mama. Un ambicioso proxecto, no que colaboran 14 comunidades autónomas, destinado a mellorar a prevención personalizada deste tumor calculando o risco individual de cada muller a desenvolver a enfermidade. Para iso conta coa colaboración de varios centros e profesionais de diferentes áreas, desde investigación e saúde pública, a radioloxía, oncoloxía, xinecoloxía, xenética, informática etc. “Os resultados axudarán a identificar as mulleres con alto risco de cancro de mama que se poidan beneficiar dun seguimento máis intensivo e coidadoso e de tratamentos quimiopreventivos ou estratexias de redución de risco. MamoRISK permitiría identificar o risco de cada muller, o cal favorecerá un seguimento máis detallado facilitando un diagnóstico precoz da enfermidade”.
E finalmente Beatriz Sobrino presentou IMPaCT-Xenómica, a infraestrutura cooperativa que contribúe ao diagnóstico de enfermidades dentro do programa IMPaCT destinado a “realizar estudos xenéticos de alta complexidade, orientados a contribuír ao diagnóstico de enfermidades raras e outras enfermidades xenéticas sen diagnóstico de forma equitativa en todo o territorio”. Conta coa colaboración de 17 comunidades autónomas, 37 entidades asociadas e máis de 100 hospitais e de 300 colaboradores directos, o que dá unha idea da súa relevancia.
Colaboración público-privada
A segunda sesión serviu para coñecer varios proxectos de innovación desenvolvidos en colaboración con empresas e financiados a través de programas de desenvolvemento tecnolóxico ou de cooperación público-privada.
Carlos Peña falou sobre “Desenvolvemento e validación clínica dun sistema avanzado de apoio á toma de decisións para a mellora do manexo de enfermidades valvulares cardíacas”. María de la Fuente explicou a relación ciencia e empresa e o seu impacto para transformar coñecemento en terapias. A CEO de Diversa, spin off do IDIS e o Sergas, asegurou que “o emprendemento multiplica o impacto. Cando unha empresa crece dentro do seu ecosistema, o ecosistema crece con ela: máis talento, máis proxectos, máis empresas”.
Tomás Sobrino destacou a importancia da colaboración público-privada tanto no ámbito investigador como clínico: “É fundamental para impulsar a innovación, acelerar o desenvolvemento e a incorporación de novas tecnoloxías, medicamentos e tratamentos, ademais de mellorar a calidade, a seguridade e a eficiencia da atención sanitaria”. Segundo o líder do grupo Neuroenvellecemento do IDIS, “a cooperación entre administracións públicas, centros sanitarios, universidades, centros de investigación e empresas permite compartir coñecementos, recursos, infraestruturas e capacidades, favorecendo a transferencia dos resultados científicos á práctica clínica. Así mesmo, contribúe a optimizar o uso dos recursos dispoñibles, fortalecer a competitividade do sistema e dar resposta ás necesidades de saúde da poboación, garantindo que a investigación se oriente ao interese xeral, a equidad no acceso á innovación e a sustentabilidade do sistema sanitario”.
Ao final de cada sesión houbo tempo para o debate conxunto e a xornada acabou coa exposición de conclusións, onde quedou patente que a medicina de precisión é xa unha realidade que comeza a transformar a práctica clínica. Os proxectos presentados mostran como o coñecemento xerado no laboratorio pode chegar ao paciente de forma máis temperá, precisa e equitativa. A xornada subliñou, ademais, o papel clave da colaboración público-privada para validar tecnoloxías, transferir coñecemento e converter os resultados da investigación en terapias e ferramentas útiles para o sistema sanitario.





