A metade dos 50,9 M€ proceden de proxectos de investigación competitivos, a cifra máis alta rexistrada, e case 10 M€ de contratos competitivos de persoal
Na presentación da súa memoria anual, o IDIS destacou o seu reacreditación por parte do Instituto de Saúde Carlos III e a da súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I)
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026.– O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) presentou os datos máis destacados da súa Memoria Anual 2025, que volve confirmar a súa posición como un dos centros de investigación biomédica e sanitaria máis relevantes de España. A súa directora científica, M.ª Luz Couce, foi a encargada de dar a coñecer os principais datos desta memoria, entre os que destacou o superar a barreira dos 50 millóns de euros en captación de fondos para actividades de investigación ”o que reflicte a solidez da nosa estrutura investigadora e a competitividade dos nosos grupos”.
A cifra total ascendeu, en 2025, a 50,9 millóns de euros, o que supón un 134, 24 % máis que hai unha década. Desta cantidade, aproximadamente o 50 % (25,4 millóns de euros) corresponde a proxectos de investigación competitivos, o que supón un fito histórico, e 9,83 millóns a contratos competitivos de persoal, cun total de 77 axudas concedidas.
O IDIS captou o pasado ano 115 proxectos de investigación en convocatorias competitivas: 77 de ámbito nacional (que corresponden a case 14,7 millóns), 27 autonómicos (6,32 millóns) e 11 internacionais (4,4 millóns de euros). Así mesmo, asináronse 396 novos estudos clínicos, que xeraron uns ingresos de 8,04 millóns de euros e formalizáronse 289 contratos de investigación e prestación de servizos por valor de 6,95 millóns de euros.
Son moitos os datos que confirman a excelencia do IDIS, pero M.ª Luz Couce quixo destacar ”a reacreditación do IDIS por parte do Instituto de Saúde Carlos III e a reacreditación da súa Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I)”, así como o recoñecemento do CIMUS como Unidade de Excelencia María de Maeztu, ”unha gran satisfacción para o IDIS posto que gran parte do seu persoal investigador está vinculado coa nosa institución”.
O xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva, que tamén interveu na presentación, quixo pór en valor o traballo da Fundación Pública Galega IDIS que dirixe Isabel Lista, que se sitúa en quinto lugar a nivel estatal en facturación de fondos.
Récord en produción científica
Tal como recolle o documento presentado, o IDIS rexistrou o pasado ano o seu mellor dato histórico con 1.163 artigos publicados en revistas científicas indexadas (un 6,6 % máis que o ano anterior), dos cales 738 (máis do 63 %) publicáronse en revistas do primeiro cuartil. Durante o ano 2025 tamén se defenderon 95 teses doutorais, 36 delas con mención internacional.
A actividade innovadora do Instituto compostelán continuou a súa senda ascendente, coa presentación de 77 novas solicitudes de patente ao longo do exercicio.
Outro dos datos destacados é o referente ao capital humano. O IDIS pechou o ano 2025 cun total de 1486 persoas (un 6,5 % máis que o ano anterior) integradas en 113 grupos de investigación, organizados en sete áreas científicas: Oncoloxía; Xenética e Bioloxía de Sistemas; Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo; Neurociencias; Plataformas e Metodoloxía; Cardiovascular e Infectoloxía, Inflamación e Vacinas.
“Estes resultados reflicten o compromiso, a excelencia e a capacidade de atracción de talento do IDIS. O récord en publicacións e a sólida captación de recursos competitivos permítennos seguir avanzando na xeración de coñecemento e a súa translación á práctica clínica para mellorar a saúde da poboación”, destacou a directora do IDIS.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen tamén participou neste acto, asegurou que “as cifras da memoria falan por si soas” e felicitou a todo o persoal que fai posible que o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago estea situado, desde hai anos, entre os mellores do estado.
O xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, destacpou a importancia de “visibilizar o traballo de investigación que se está facendo e que repercute directamente na sociedade”, e a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido Quintana, asegurou que a Universidade sente o IDIS “como parte esencial do seu ecosistema investigador” e destacou tanto o traballo de “xeración de coñecemento como de aplicación real dese coñecemento”, polo que mostrou o firme apoio da USC “a seguir impulsando e fortalecendo o polo da investigación”.
*Acceso ao Annual Report 2025: https://www.idisantiago.es/06/IDIS_AnnualReport25.pdf



