O Laboratorio de Neurociencias do IDIS celebra o seu 20º aniversario

28 Xuño 2024

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024.- No ano 2004, o Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do IDIS nacía co obxectivo de estudar as enfermidades neurolóxicas que afectan a unha parte considerable da poboación galega. Con motivo do seu 20º aniversario, o persoal académico e investigador local e nacional reuniuse nun acto de celebración para repasar a traxectoria do LINC e os retos que afronta o laboratorio.

O acto de presentación correu a cargo do coordinador científico do LINC, Tomás Sobrino Moreiras, acompañado doutras autoridades académicas e representantes dos grandes centros de investigación de Santiago. Unha delas foi a directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico, que interveu para poñer de manifesto a importancia do diagnóstico precoz e as novas terapias en enfermidades metabólicas hereditarios.

Ao aniversario tamén asistiu o director científico do CIQUS, Jose Luis Mascareñas Cid, que conversou sobre a catálise artificial en células no campo da biomedicina. Pola súa banda, a directora do CIMUS, Mabel Loza, manifestou a necesidade de colaborar no desenvolvemento de fármacos para avanzar no diagnóstico, tratamento e estudo das enfermidades neurodexenerativas que levan a cabo desde o LINC a través da medicina de precisión.

En representación do Museo Nacional de Ciencias Naturais (CSIC) e do Centro de Investigación en Enfermidades Neurolóxicas de Madrid, o investigador de raíces italianas Emiliano Bruner ofreceu unha conferencia sobre prehistoria e neurociencia, co fin de explicar o desenvolvemento do cerebro desde as primeiras especies primitivas ata o homo sapiens e o nacemento da medicina, explorando as fronteiras entre a evolución e medicina.

Pola súa banda, o catedrático de Neuroloxía da Universidade de Santiago e cofundador do LINC, José Castillo Sánchez, foi o encargado de repasar a traxectoria do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) que dirixiu ata hai dous anos. “É un motivo de satisfacción ver que como o Laboratorio continúa crecendo e como os grupos de investigación traballan de forma coordinada. Cando empezamos só eramos tres persoas, quen de nós pensaría que chegariamos ata aquí”, sinalou o catedrático.

O evento tamén contou coa intervención de investigadores nacionais cos que colabora actualmente o LINC como Ángeles Almeida (Salamanca), Juan Bolaños (Salamanca), Exuperio Díez-Tejedor (Madrid), María Gutiérrez (Madrid), Ignacio Lizasoaín (Madrid), Joan Martí (Barcelona), Mª Ángeles Mouro (Madrid), Joaquín Serena (Girona) e José Vivancos (Madrid).

O LINC a través dos anos

Dada a prevalencia de enfermidades neurolóxicas sen tratamento e con gran mortalidade, no ano 2004, un grupo de tres investigadores formado por José Castillo, Miguel Blanco e Tomás Sobrino decide poñer en marcha o Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas (LINC) do IDIS. Situados nos laboratorios do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, alí desempeñan o seu traballo actualmente un total de 45 investigadores.

Pouco a pouco, o laboratorio foi incrementando a súa masa investigadora, chegando a formar un total de 110 investigadores desde a súa creación. “Cunha aposta moi grande pola tecnoloxía, o LINC tivo a primeira resonancia magnética para experimentación de toda España, tres veces máis potente que as utilizadas en clínica”, explica o excoordinador do LINC, José Castillo, así como unha citometría moi novidosa. A última incorporación foi o primeiro microscopio multifotón de toda Galicia que se presentou este ano no laboratorio para prestar servizo aos tres institutos galegos.

“A produción científica foi inmensa nestes anos, excede as 600 publicacións en revistas de primeiro decil e cuartil”, sinala Castillo, cunha captación de recursos de 1 millón de euros por ano aproximadamente para o Laboratorio. O obxectivo principal é tratar as enfermidades neurolóxicas que son a primeira causa de morte en mulleres e a segunda en homes en Galicia, asociadas ao envellecemento da poboación, como o Alzhéimer e as demencias, ou as patoloxías vaculares e cerebrais, como o ictus.

Liñas de investigación

Actualmente traballan un total de 4 grupos no LINC do IDIS con diversos proxectos: Tomás Sobrino dirixe o grupo de Neuroenvellecemento; Francisco Campos lidera o grupo de Enfermidades Vasculares Cerebrais e Ictus Traslacional; Ramón Iglesias os avances en Neuroimaxe e Biotecnoloxía con resonancia magnética e nanomedicina; e, por último, Isabel Lema coordina o grupo de Neurodexeneración Corneal.

Estas liñas de investigación contribúen a comprender os mecanismos capaces de desenvolver crises de xaqueca, especialmente a través do papel das plaquetas, a inmunidade ou o almacenamento de ferro. Pola outra banda, tamén tratan de avanzar no diagnóstico da enfermidade de Alzheimer antes de que se presenten síntomas, e implementar novas dianas terapéuticas que, polo menos, consigan deter a progresión do deterioro intelectual.

No ictus isquémico, as innovacións desenvolvidas en LINC foron decisivas, e recoñecidas internacionalmente. Illáronse por primeira vez células proxenitoras endoteliais e demostraron a súa capacidade rexenerativa. Ademais conseguiuse levar á clínica un novo tipo de tratamento neuroprotector, chamado captadores de glutamato.

Con algúns destes resultados, o LINC obtivo 10 patentes internacionais e crearon a spin-off LINCBiotech. O traballo en nanomedicina e vectorización céntrase en conseguir que moitos fármacos cheguen ao cerebro en maior concentración e de forma máis segura, e no desenvolvemento de nanosondas para detectar e localizar alteracións no cerebro que poidan corrixirse precozmente. Pola súa banda, a liña de traballo en ectasia corneal, permitiu identificar mecanismos que detectan a progresión da lesión, obter unha patente, licenciala e participar no desenvolvemento dun prototipo diagnóstico.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.