Un estudo liderado desde o CHUS-IDIS sobre cancro colorrectal metastásico é recoñecido nos Premios DISCOVERGI

15 Setembro 2026

O proxecto analiza, en condicións de práctica clínica real, a experiencia cun tratamento utilizado en pacientes con cancro colorrectal metastásico que xa recibiron varias liñas terapéuticas

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026.– A Dra. Nieves Martínez Lago, do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), foi recoñecida nos Premios DISCOVERGI por un traballo do estudo BeTAS centrado en pacientes con cancro colorrectal metastásico.

O proxecto analiza, en condicións de práctica clínica real, a experiencia cun tratamento utilizado en pacientes con cancro colorrectal metastásico que xa recibiran varias liñas terapéuticas. Participaron no estudo un total de 593 pacientes tratados en 19 hospitais españois, o que permitiu coñecer mellor os que poden obter un beneficio especialmente prolongado con esta estratexia.

Aproximadamente un de cada cinco pacientes permaneceu polo menos nove meses sen progresión da enfermidade, con resultados de supervivencia moi favorables dentro deste contexto clínico. Estes datos achegan información relevante para comprender mellor a resposta ao tratamento e avanzar cara a unha atención cada vez máis individualizada.

“Este traballo pon tamén de manifesto o valor dos estudos de práctica clínica real, que permiten complementar a información procedente dos ensaios clínicos e coñecer como funcionan os tratamentos en pacientes atendidos na práctica asistencial habitual”, explica a Dra. Nieves Martínez.

A investigadora do grupo Oncomet do IDIS recolleu o galardón o pasado xoves 10 de setembro en Madrid, durante a final dos Premios DISCOVERGI, unha iniciativa científica da Fundación ECO (Fundación para a Excelencia e a Calidade da Oncoloxía), coa colaboración de Servier. O proxecto foi seleccionado entre os traballos finalistas no ámbito dos tumores dixestivos.

Para a Dra. Martínez Lago, este premio supón un recoñecemento ao carácter colaborativo do estudo: “Detrás deste traballo hai moitas horas de esforzo, colaboración entre centros e, sobre todo, un gran equipo de investigadores. Este recoñecemento é de todos os profesionais e centros que fixeron posible o estudo BeTAS”.

Proxección internacional

O proxecto premiado, titulado Longterm responders to trifluridine/tipiracil plus bevacizumab (FTD/TPI+BEV) in previously treated metastatic colorectal cancer (mCRC): Results from the BeTAS realworld study, xa foi presentado no Congreso da American Society of Clinical Oncology (ASCO 2026), un dos principais encontros internacionais no ámbito da oncoloxía. E o pasado 1 de setembro a prestixiosa revista ESMO Gastrointestinal Oncology, publicou dous artigos deste grupo de invesigación, un deles referente aos resultados de efectividade, seguridade e factores prognósticos deste mesmo traballo.

Un paso máis na traxectoria de Oncomet,  que se consolida como un dos grupos de investigación oncolóxica de referencia no ámbito galego, estatal e internacional.

Más noticias

Cinco anos de Sensoxenoma: a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas

Cinco anos de Sensoxenoma: a música deixa pegadas medibles nos nosos xenes e proteínas

Desde o seu nacemento, Sensogenoma presenta novas evidencias reproducibles da resposta molecular á música en persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e no proteoma das bágoas.

O proxecto, desenvolvido polos grupos GenPoB e GenVip do IDIS e da USC, reuniu máis de 5.000 participantes, máis de 1.500 doantes e máis de 20.000 mostras biolóxicas.

O 25 de setembro, Sensogenoma26 celebrará o quinto aniversario convertendo de novo o Auditorio de Galicia nun gran laboratorio cidadán.

ler máis
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.