Xornada de divulgación “O radón en Galicia”

6 Novembro 2024

En Galicia, o 7 % das mortes por cancro de pulmón débense á exposición ao radón no interior do fogar, é xa a segunda causa despois do tabaco

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024.- O Salón de Actos da Facultade de Medicina (USC) acollerá a xornada de divulgación “O radón en Galicia” o vindeiro 8 de novembro ás 17.30 horas. Trátase dunha iniciativa dirixida á cidadanía que busca resolver todas as dúbidas sobre a presenza do gas radon en Galicia e os seus efectos para a saúde. A xornada está impartida por investigadores do IDIS e CRETUS dos Laboratorio de Radón de Galicia que, ademais de abordar todas as inquietudes sobre este tema, darán a coñecer os últimos avances que están a realizar nas súas investigacións sobre a detección deste gas.

O programa complétase coa proxección dun curto titulado “Teño niveis altos de radón en casa, e agora que?” no que participaron veciños dos concellos de Teo, Santiago de Compostela e Salceda de Caselas. Como agasallo, 20 persoas elixidas por sorteo poderán facerse cun detector de radon para medir nos seus fogares.

Previamente á conferencia, que está financiada polo Consello Social da USC, creouse un formulario https://forms.office.com/e/H0ub3xzj8K para calquera dúbida sobre o radon que serán resoltas durante o evento.

O Laboratorio de Radon

O radon é un gas radioactivo canceríxeno, incoloro, inodoro e insípido que provén da desintegración do uranio presente na cortiza terrestre. Despois do tabaco, é a segunda causa de cancro de pulmón. En Galicia, o 7 % das mortes por cancro de pulmón débense á exposición ao radón no interior do fogar. Cando os niveis de radón no fogar ou no traballo superan os 300 Bq/m3, débense tomar medidas para diminuír a concentración de radón.

O Laboratorio de Radón en Galicia, no que se integran investigadores da USC, IDIS e CRETUS, está a elaborar actualmente o mapa de radón en Galicia. O seu obxectivo é mellorar a caracterización da exposición ao radón en pequenas zonas de Galicia, neste caso a nivel de seccións censuais e mesmo por parroquias. O obxectivo é ter un número mínimo de medicións para cada pequena zona que permitan ir ao detalle da concentración de radón.

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1338 investigadores, 105 grupos de investigación, 50 M€ de fondos captados no último ano, o IDIS contribúe co seu labor a incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

 

Más noticias