O estudo foi presentado por Carlos Pérez na xornada celebrada polo ICO en Barcelona o pasado 6 de novembro
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026.– Un traballo presentado por Carlos Pérez Míguez, do grupo Hematoloxía computacional e xenómica (GrHeCo Xen) do IDIS, foi galardoado co premio ao mellor abstract no 2nd Day of Artificial Intelligence in Cell Therapy organizado o 6 de novembro polo Institut Català d’Oncologia (ICO) en Barcelona.
O obxectivo principal desta xornada é profundar no rol que xoga a intelixencia artificial nas terapias celulares e xerar un espazo de encontro e intercambio sobre as últimas innovacións neste campo.
O traballo premiado presenta o desenvolvemento dun axente de intelixencia artificial especializado no ámbito médico, que integra un sistema de anonimización de datos clínicos e un modelo de linguaxe de gran tamaño (LLM) especializado en medicina.
Este recoñecemento pon en valor a aposta do equipo pola aplicación de tecnoloxías de intelixencia artificial no ámbito sanitario, con especial atención á privacidade dos datos e ao desenvolvemento de ferramentas de apoio á práctica clínica.



