A dieta atlántica reduciría significativamente o risco de sufrir síndrome metabólica

4 Marzo 2024

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024.- A dieta atlántica, presente na maioría de fogares galegos e do norte de Portugal, reduciría significativamente a incidencia da síndrome metabólica e, con iso, o risco de sufrir enfermidades como a diabetes ou a cardiopatía coronaria. É a principal conclusión dun novo estudo que acaba de ser publicado na revista científica JAMA Network e que está a ter unha gran repercusión en todo o mundo, especialmente nos EUA, onde o Washington Post interesouse por este traballo e entrevistou a investigadora principal, a doutora Mar Calvo Malvar, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Xunto con ela, forman parte do equipo os doutores Francisco Gude Sampedro, Alfonso Javier Benítez Estévez, María Rosaura Leis Trabazo e Juan José Sánchez Castro, da Área de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, así como os profesionais do Centro de Atención Primaria da Estrada, que colaboraron no estudo achegando as 250 familias participantes.

As familias dividíronse en dous grupos: un continuou cos seus menús habituais (grupo control) e no outro levouse a cabo unha intervención para modificar hábitos nutricionais (grupo intervención). As familias deste grupo recibiron sesións educativas sobre nutrición, participaron nunha clase de cociña dirixida por un chef local e recibiron material de apoio, ademais de cestas de alimentos que contiñan unha variedade de produtos de orixe local típicos da dieta tradicional atlántica.

Durante seis meses avaliáronse diversas variables, para ver os efectos dunha intervención nutricional baseada na dieta atlántica tradicional desde unha dobre perspectiva: a saúde metabólica e a planetaria. “Estudamos como un cambio cara a un patrón dietético tradicional, saudable e de orixe local podería afectar as enfermidades relacionadas coa saúde metabólica e se ese cambio podería alterar a produción de gases de efecto invernadoiro”, explica a Dra. Calvo Malvar.

Sustentabilidade ambiental

É importante destacar que os estudos previos sobre o impacto ambiental das dietas realizáranse desde unha perspectiva exclusivamente teórica, non con datos de consumo de alimentos de persoas nun contexto de vida real. “O noso traballo é o primeiro que avalía o consumo real de alimentos das 250 familias participantes no estudo, e faio mediante un ensaio clínico controlado, é dicir, o deseño experimental que proporciona o maior grao de evidencia científica en humanos. Isto non se fixo até a data, de aí a importante implicación dos resultados do noso traballo”, explica a investigadora.

No cálculo da pegada de carbono dos alimentos consumidos polas familias colaborou o CRETUS Centre, da Universidade de Santiago de Compostela, que conta cunha ampla traxectoria na investigación do impacto ambiental do sector agroalimentario. Foi o persoal deste centro quen analizou  a pegada de carbono de tódolos alimentos consumidos polos participantes no estudo. A pesar da redución detectada, a mostra non permite alcanzar “significación estatística”, pero abre novas vías de investigación.

Unha síndrome que afecta ao 25% da poboación adulta

Na saúde metabólica, en cambio, si se constatou un risco “significativamente menor” de desenvolver síndrome metabólica, e menos compoñentes da síndrome metabólica, no grupo de intervención con respecto ao de control.

A síndrome metabólica é un grupo de afeccións que, en conxunto, aumentan o risco de sufrir cardiopatía coronaria, diabetes, accidente cerebrovascular e outros problemas de saúde graves. Actualmente afecta a unha cuarta parte da poboación adulta no mundo, o cal supón un grave problema de saúde, pero tamén social.

De aí a relevancia deste estudo, que demostrou o efecto positivo da dieta atlántica sobre a incidencia de novos casos de síndrome metabólica. “Identificamos que a aliñación cun patrón dietético saudable rexional, a dieta atlántica, asóciase con menores factores de risco estreitamente asociados á saúde metabólica, como a obesidade central ou os niveis de colesterol”, explica a Dra. Mar Calvo.

Que é a dieta atlántica

As dietas tradicionais baséanse en ingredientes frescos, de tempada, adaptados aos gustos e estilos de vida rexionais. No caso da dieta atlántica é importante a súa preparación, mediante métodos como cociñar ao vapor e ferver, en lugar de fritir. O peixe e o marisco son alimentos básicos que se consumen con frecuencia e os produtos lácteos ocupan un lugar destacado, do mesmo xeito que o aceite de oliva, a principal fonte de graxa. Tamén destaca o consumo diario de froitas e hortalizas, en particular de Brassica (grelo, nabo, nabiza, repolo etc.), rica en glucosinolatos e con recoñecidos beneficios na prevención de diversas enfermidades.

“Desde unha perspectiva de saúde, os nosos achados subliñan o papel crucial da dieta como un dos factores de risco modificables máis importantes para as enfermidades cardiovasculares e outras enfermidades crónicas”, sinala o equipo investigador. “Os cambios na dieta representan unha estratexia clave para previr millóns de mortes en todo o mundo cada ano”, asegura Mar Calvo.

Con todo, alterar os hábitos alimentarios expón un desafío considerable debido á complexa interacción de factores sociais e individuais, incluídas as influencias culturais, a accesibilidade económica dos alimentos, as conexións sociais e a contorna comunitaria. “Supor que as persoas substituirán facilmente os compoñentes dietéticos non saudables baseándose na nova evidencia científica é demasiado optimista”, explica a investigadora do IDIS.

Involucrar a toda a sociedade no cambio de hábitos

De aí a necesidade dunha actuación comunitaria que aborde os principais determinantes individuais e sociais que afectan a saúde alimentaria. “Propomos un cambio de paradigma para previr a obesidade e enfermidades relacionadas, cun enfoque de ambiente total, que involucre e active comunidades e barrios enteiros”, explica a Dra. Calvo.

Foi necesario implicar á administración sanitaria, institucións políticas, varios grupos de investigación do CSIC, industria da alimentación, empresas locais, medios de comunicación, etc. “E, por suposto, ás familias, sen as que este estudo non sería posible. Fixémolo respectando a herdanza cultural e gastronómica de Galicia, a dieta atlántica”, conclúe a Dra. Calvo.

 Información adicional

A data de hoxe, o artigo, publicado o 7 de febreiro de 2024, tivo máis dun centenar de impactos na prensa estranxeira, incluíndo o Washington Post, Forbes, National Geographic, ABC News, así como nas principais canles web dos Estados Unidos, como CNN, MSN, Yahoo etc. Segundo Almetric (un indicador da cantidade de atención que recibe un artigo en medios de comunicación), atópase no 5% superior de todos os resultados de investigación clasificados.

Máis información sobre IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) naceu en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III dende o ano 2010. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de 1.213 profesionais, 106 grupos de investigación, 43,5 M€ de fondos recadados no último ano, o IDIS contribúe co seu traballo ao incremento do coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

Más noticias