O noso proxecto Cringenes é recoñecido nos VI Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia

29 Maio 2026

O proxecto de cribado xenómico neonatal recibiu o premio Acción Investigadora.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026.– Este xoves entregáronse os VI Premios Redacción Médica á Sanidade de Galicia, que cada ano reúne a destacados protagonistas do sistema sanitario galego. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu o evento destinado a visibilizar a excelencia dos profesionais da saúde que a diario traballan en beneficio do paciente na nosa comunidade autónoma.

Competían 56 candidaturas pertencentes a 14 categorías, entre as que estaba “Acción Investigadora”, onde resultou gañador o Proxecto de cribado xenómico neonatal Cringenes, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Redacción Médica destacou que se trata dunha iniciativa que sitúa á comunidade “na primeira liña” da medicina preventiva europea. “Ao integrar a xenómica coa metabolómica e a avaliación bioética, Galicia non só amplía o seu xa ambicioso programa de detección precoz, senón que xera a evidencia científica necesaria para transformar o futuro da Saúde Pública”.

Recolleu o premio María Luz Couce Pico, directora científica do IDIS e investigadora principal deste proxecto destinado a desenvolver un programa piloto de cribado neonatal xenómico que permita ampliar e complementar o cribado bioquímico actual, incluíndo aquelas enfermidades que actualmente non dispoñen de marcadores de detección bioquímicos, pero para as que xa existen opcións terapéuticas.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.