A música, a ciencia e a emoción entrelazáronse en Sensogenoma 26, evento que transformou de novo o Auditorio de Galicia nun enorme laboratorio.

28 Setembro 2026

O quinto aniversario de Sensogenoma reuniu preto dun milleiro de persoas, que gozaron dun magnífico repertorio interpretado pola Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026.- Case un milleiro de persoas déronse cita este venres, 25 de setembro, no Auditorio de Galicia para participar en Sensogenoma 26, a quinta edición da iniciativa que estuda de forma sistemática a resposta biolóxica humana ante os estímulos musicais. Trátase dun proxecto concibido e desenvolvido integramente polos grupos de investigación do IDIS GenPoB e GenVip, liderados polos doutores e catedráticos Antonio Salas e Federico Martinón-Torres, respectivamente.

A coordinadora de Sensogenoma, a Dra. Laura Navarro Ramón, agradeceu especialmente a colaboración das 200 persoas do público que participaron como doantes nesta quinta edición do proxecto e que contribuirán a “seguir afondando no coñecemento da reacción das nosas moléculas ante o estímulo da música”.

“Grazas ás persoas doantes avanzamos na ciencia xenómica, que busca investigar como os estímulos sensoriais, neste caso os que emanan da música, repercuten no noso ADN”, explica Antonio Salas, investigador principal do proxecto. “As persoas que presentan determinadas condicións, como trastorno do espectro autista, alzhéimer ou dano cerebral, teñen unha maior sensibilidade molecular e, ademais, vemos que estes cambios se producen dun xeito compensatorio naquelas moléculas alteradas. Comprender os mecanismos máis íntimos da xenética é o primeiro paso para transformar o coñecemento en novas oportunidades para a saúde e o benestar das persoas”, engade o Dr. Salas.

O Dr. Federico Martinón-Torres destaca tamén os “espectaculares e sorprendentes resultados” obtidos ata a data con Sensogenoma, que define como “un proxecto de Galicia para o mundo que marca un antes e un despois, cunha abordaxe innovadora no estudo da saúde e da enfermidade a través da xenética e ante o estímulo dos nosos sentidos, especificamente ante o estímulo musical”.

Como en edicións anteriores, o programa foi unha sorpresa para o milleiro de persoas que esgotaron as entradas varios días antes do concerto. Finalmente, o repertorio escollido pola Real Filharmonía de Galicia —co mestre Roberto Baltar á fronte— e pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela estivo conformado por sete pezas: Sinfonía sobre motivos de zarzuelas, de Francisco Asenjo Barbieri; Ocaso dos deuses: marcha fúnebre de Sigfrido, de Richard Wagner; Intermezzo de cavalleria rusticana, de Pietro Mascagni; O aprendiz de bruxo, de Paul Dukas; Star Wars: tema da Princesa Leia e A lista de Schindler: tema principal, de John Williams; e Sinfonía fúnebre e triunfal: Apoteose, de Héctor Berlioz.

Desde o equipo Sensogenomics, que leva a cabo este proxecto, agradecen profundamente a colaboración de ambas as dúas formacións, así como de todas as institucións, asociacións de pacientes e entidades que fixeron posible chegar a esta quinta edición. “Agora queda un longo traballo no laboratorio con estas novas mostras para seguir avanzando no coñecemento de como un estímulo musical pode modificar a nosa resposta biolóxica”, sinala o equipo.

 

Más noticias

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.